O goberno local presenta un orzamento en alza que aposta pola prestación de servizos de calidade sen elevar a presión fiscal
A concelleira de Facenda e o alcalde deron a coñecer as contas para o ano 2023, que aumentan un 8,5% e acadan os 30.235.979,84 euros
Venres 16 de decembro do 2022
Apostar cada vez máis pola prestación de servizos de calidade, apoiar ás familias e ás entidades incrementando o gasto social, seguir aumentando os recursos para investimentos, reforzar os programas que nos sitúan na vangarda galega, e todo iso sen elevar a presión fiscal, son os grandes obxectivos dos orzamentos do Concello de Carballo para o ano 2023.
A concelleira de Facenda, Belén Lendoiro, e o alcalde, Evencio Ferrero, deron a coñecer hoxe os grandes números. O Concello de Carballo comezará o ano cun orzamento de 30.235.979,84 euros, un 8,5% máis alto que o deste ano. O proxecto xa se presentou aos grupos municipais en comisión informativa, e o luns 26 deberá ser ratificado polo pleno da corporación.
Belén Lendoiro destacou a volta á normalidade económica tras dous anos marcados pola pandemia, que obrigou a reformular os orzamentos das distintas administracións para poder dar resposta ás necesidades que foron xurdindo como consecuencia da covid. Superada esa situación, o Concello de Carballo prepárase para seguir medrando e reforzando o seu papel de referencia non só no ámbito comarcal, senón tamén no provincial ou mesmo no autonómico. Para conseguilo, o goberno municipal presenta “un orzamento que amosa as fortalezas do noso concello, e que nos permite reforzar os servizos que melloran a calidade de vida da cidadanía, dinamizar os sectores económicos e sociais, e facer de Carballo un bo lugar para vivir sen aumentar impostos nin taxas”, destacou a concelleira de Facenda.
O alcalde, pola súa banda, apuntou o incremento que experimentan todas as partidas de gastos agás a dos gastos financeiros, porque xa non hai que pagar por ter as contas abertas nos bancos; pero sobre todo destaca o capítulo 7 de investimentos. O ano pasado representaba un 14,5% do orzamento total, o cal xa representaba unha porcentaxe moi alta, pero este ano é aínda maior, xa que se sitúa no 16,37%. O investimento por habitante acada os 157,49 euros. Pero, máis alá das obras que recolle o anexo de investimentos (pode descargarse máis abaixo), o Concello volverá a aproveitar a posibilidade de incorporar remanentes, como vén facendo nos últimos exercicios, polo que o orzamento a final de ano será moito máis elevado.
Evencio Ferrero destacou o rigor do Concello de Carballo, tanto á hora de elaborar os orzamentos “respectando as previsións de ingresos que fan os servizos económicos” como á hora de presentalos, converténdose nun dos primeiros concellos en facelo. Ao mesmo tempo, destacou o altísimo cumprimento das obrigas fiscais por parte da cidadanía, “e iso permítenos non tocar impostos nin taxas dende hai dez anos”, declarou.