Inicio Carballo ao día Hemeroteca Carballo recibe 3 Flores de Honra no certame...

Carballo recibe 3 Flores de Honra no certame Vilas en Flor en recoñecemento pola mellora do espazo verde urbano

Sábado 3 de decembro do 2022 Carballo ao día

Luis Lamas recolleu o galardón

Luis Lamas recolleu o galardón

O importante esforzo que se vén realizando nos últimos anos para ampliar e manter as zonas verdes nas mellores condicións vén de recibir a súa recompensa. O Concello de Carballo resultou galardoado con 3 Flores de Honra no certame Vilas en Flor en recoñecemento, precisamente, polo traballo realizado na mellora do espazo verde urbano. Carballo participou por primeira vez no concurso, e o xurado destacou a excepcional estrea do noso concello coas 3 Flores de Honra.

No acto de entrega, celebrado este venres en Caldas de Reis, participaron o concelleiro de Servizos, Luis Lamas; o xefe de servizo da brigada municipal de xardíns, Carlos Iglesias, e a enxeñeira técnica agrícola Carmen Alonso, responsable dos deseños das zonas verdes e de traballos tan importantes como o catálogo de árbores que se está a elaborar na actualidade.

Vilas en Flor Galicia é un programa anual que recoñece en forma de galardóns, chamados Flores de Honra, a traxectoria e as accións levadas a cabo polos municipios galegos na mellora e potenciación dos espazos verdes urbanos, a súa xestión sostible, a educación ambiental e a concienciación cidadá no coidado da contorna. Vilas en Flor é unha iniciativa de ASVINOR (Asociación de Viveristas do Noroeste), AGAEXAR (Asociación de empresas de xardinería de Galicia) e da Fundación Juana de Vega.

Transformación verde

O centro urbano de Carballo é como un xardín botánico que reúne especies de todo o mundo. Nos últimos anos plantáronse acivros, fotinias, tamarindos, oliveiras, bidueiros, arces, magnolios, cedros, castiñeiros, nogueiras, cerdeiras, madroños, árbore da seda, árbore do ámbar, pistachos, naranjos… máis de cen tipos diferentes de árbores e arbustos que xa non están só nos parques, senón tamén, e cada vez máis, nas rúas. Nas zonas verdes plantamos cada ano unhas 15.000 flores, 7.500 por temporada, e dende este outono estamos a repartir entre a cidadanía as plantas de temporada que, cando se retiran, aínda están en boas condicións. Nesta primeira iniciativa foron máis de 200.

Pero tamén traballamos para fomentar o coidado das zonas verdes dende a infancia, con accións como a creación da Carballeira do Futuro, no polígono de Bértoa, onde cada carballo leva o nome dun neno ou unha nena do noso concello; a actividade de decoración dos xardíns con cabazas ou o recente reparto de primaveras que se realizou entre os participantes nesa acción.

Brigada municipal de xardíns

No ano 2019, o Concello adxudicou o servizo de mantemento, conservación e mellora dos espazos verdes e o arboledo ao centro especial de emprego Dixardín, que conta cun 80% de traballadores con algún tipo de diversidade funcional. O equipo de Carballo está formado por 11 persoas, incluídos o xefe do servizo, a técnica e o encargado do grupo.

O Concello de Carballo destina cada ano ao servizo algo máis de 300.000 euros. Pero ademais do mantemento diario dos parques e xardíns, desde a área de Obras e Servizos, que dirixe Luís Lamas, tamén se promoven outro tipo de proxectos de reforma específicos para distintos espazos urbanos, como os que se levaron a cabo nas prazas de Galicia, Cruz Vermella ou Concello, así como no Parque Rego da Balsa ou en distintas rotondas. Nestes momentos está en marcha un novo proxecto que permitirá transformar e mellorar os parques do Anllóns, Eduardo Pondal e A Milagrosa, así como varias rotondas.

Premiados da comarca de Bergantiños. Parabéns a todos!

Premiados da comarca de Bergantiños. Parabéns a todos!

Compartir: