Un minuto de silencio na memoria das vítimas da violencia de xénero abriu o pleno ordinario de novembro
Aprobada por unanimidade unha moción de TeGa para iniciar os trámites urbanísticos de cara á creación dunha cidade deportiva e cultural da Lagoa
Martes 29 de novembro do 2022 Carballo ao día
As vítimas da violencia de xénero estiveron moi presentes no salón de sesións do Concello de Carballo durante a celebración do pleno ordinario de novembro. Evencio Ferrero deu lectura á declaración institucional contra as violencias machistas, froito do consenso entre todos os grupos políticos, e de seguido os membros da corporación gardaron un minuto de silencio na memoria de todas as mulleres asasinadas polas súas parellas ou ex parellas.
A corporación municipal solicita na declaración a adhesión de toda a cidadanía a un contrato social contra a violencia de xénero. As persoas que queiran subscribilo poden facelo ata o mércores 30 na planta baixa da Casa do Concello.
No pleno deste luns, con 20 concelleiros/as pola ausencia de Belén Lendoiro, tamén houbo unanimidade na defensa do galego, de xeito que todos os membros da corporación votaron a favor da adhesión do Concello de Carballo á Asociación de entidades locais pola lingua. O mesmo apoio acadou a proposta de expropiación dunha parcela de 216 metros na rúa do Sol. Trátase, en concreto, de regularizar a situación do terreo no que se sitúa a pasarela que permite o acceso ao Paseo do Anllóns dende a ponte.
O resto das propostas presentadas polo goberno municipal do BNG tamén saíron adiante sen votos en contra, aínda que a oposición abstívose con respecto ao pago de facturas pendentes de exercicios anteriores pero que foron entregadas nos últimos cinco meses e tamén na adxudicación do contrato do servizo de axuda no fogar. Unha vez analizadas e valoradas as ofertas das sete empresas licitadoras, o servizo será contratado coa Fundación para el estudio y la promoción de la acción social (Fepas) por un período inicial de dous anos, prorrogable ata un máximo de catro. O orzamento para o total dos catro anos supera os 8 millóns de euros, e precisamente por esa elevada contía a adxudicación correspondeulle ao pleno.
Mocións diversas
Os principais debates da sesión plenaria rexistráronse no apartado de mocións. TeGa presentou dúas: unha na que propoñía un modelo alternativo de funcionamento da escola de natación infantil, que foi rexeitada, e outra para a redacción dun plan especial de infraestruturas e dotación en chan rústico para uso deportivo e cultural na zona da Lagoa, que foi aprobada por unanimidade cunha emenda do BNG. O acordo final foi o seguinte: “O Concello de Carballo avaliará a proposta para escoller a fórmula axeitada que permita dotar de infraestruturas deportivas e culturais á Agra da Lagoa”.
O PSOE presentou outras dúas: a primeira, para instar á Xunta a cumprir co Pacto e o Fondo de Cooperación Local, que apoiaron todos os grupos agás o PP, e a segunda, conxunta co BNG, recollendo as demandas expresadas no pleno anterior polas traballadoras do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar. PP e TeGa abstivéronse neste asunto.
A última foi unha moción do PP sobre a revisión do delito de sedición, que foi rexeitada por BNG e PSOE, mentres que TeGa abstívose.
Pecharon a sesión, que se prolongou durante algo máis de dúas horas, tres preguntas de TeGa sobre o gasto eléctrico, as obras de reurbanización das rúas Baños Vellos e Ourense e o uso de arquivos de audio nos plenos.