A Policía Local refórzase por segunda vez este ano coa incorporación de dous novos axentes
Martes 29 de novembro do 2022 Carballo ao día
Miguel Piñeiro, José Luis Caamaño, Juan Seoane, Jesús Manuel Valiña, Evencio Ferrero, Adrián Puga e Pedro Cancela
Jesús Manuel Valiña Parga e Adrián Puga Remuiñán forman parte dende hoxe do equipo da Policía Local de Carballo. Os dous axentes veñen de ser nomeados pola Academia Galega de Seguridade para ocupar as prazas convocadas polo Concello de Carballo polo sistema de mobilidade, e hoxe tomaron posesión do cargo nun acto ao que asistiron o alcalde, Evencio Ferrero; o concelleiro de Seguridade, Juan Seoane; o secretario do Concello de Carballo, Miguel Piñeiro, e os oficiais José Luis Caamaño e Pedro José Cancela.
O alcalde de Carballo desexou aos novos axentes unha longa carreira profesional no noso concello e que teñan pouco traballo, porque iso sería sinónimo de benestar e tranquilidade para toda a cidadanía.
Coas incorporacións de hoxe, o equipo de profesionais da Policía Local queda formado por 23 axentes e 4 oficiais, ademais dos auxiliares que prestan servizo ao longo do ano. Nestes momentos está pendente o nomeamento doutro axente, xa que na convocatoria do Concello de Carballo figuraba unha terceira praza polo sistema de oposición libre. A outra praza que falta ata completar as 25 que integran o plantel da Policía Local corresponde a unha axente que está traballando noutro concello en comisión de servizos.
O concelleiro de Seguridade, Juan Seoane, destacou que o incremento do persoal permitirá reforzar a presenza dos axentes nas rúas e, en consecuencia, mellorar o servizo á cidadanía.