Inicio Carballo ao día Hemeroteca Aprobada a concesión de axudas a 118...

Aprobada a concesión de axudas a 118 familias para axudarlles a pagar as facturas da luz

Titulares do bono social e persoas que reciben tratamentos de osixenoterapia ou diálise peritoneal nos seus domicilios recibirán un pago único de 200 euros

Luns 21 de novembro do 2022 Benestar

A Xunta de Goberno Local aprobou na sesión ordinaria de hoxe a concesión de axudas para o pagamento do subministro enerxético a 118 familias do noso concello. Outras 8 foron rexeitadas por non cumprir cos requisitos establecidos.

As subvencións van destinadas ás persoas maiores de 18 anos ou menores emancipadas que estean empadroadas no noso concello cunha antigüidade mínima de seis meses, e que cumpran, ademais, algún dos seguintes requisitos:

  • Ser beneficiarias do bono social das diferentes comercializadoras de electricidade, como mínimo durante os tres meses anteriores á convocatoria das axudas.
  • Recibir osixenoterapia domiciliaria polo menos durante seis meses antes da convocatoria das axudas.
  • Recibir tratamento de diálise peritoneal domiciliaria polo menos durante seis meses antes da convocatoria das axudas.

Con esta medida, impulsada dende a Concellaría de Igualdade e Benestar, dende o Concello de Carballo pretendemos axudar ás veciñas e veciños con máis dificultades para facer fronte ás facturas da luz. Cada unha das 118 familias beneficiarias recibirá nas vindeiras semanas unha axuda de 200 euros nun pago único, correspondente á anualidade 2022. Na primeira convocatoria, realizada o ano pasado, concedéranse 93 axudas.

As subvencións do Concello de Carballo son compatibles coas liñas de axuda que poidan convocar outras administracións.

Compartir: