Evencio Ferrero asistiu en Arteixo a un novo encontro intermunicipal para definir estratexias territoriais conxuntas
Martes 15 de novembro do 2022 Carballo ao día
Participantes na xuntanza de hoxe
Tras a reunión a tres bandas (Arteixo, A Laracha, Carballo) celebrada a principios de xuño no concello larachés, Arteixo acolleu hoxe unha nova xuntanza á que se sumaron outros concellos da contorna coa finalidade de analizar os desafíos aos que se enfronta o territorio, e que tipo de proxectos se poderían acometer de forma conxunta. Na xuntanza estiveron presentes os alcaldes de Carballo, Evencio Ferrero; Arteixo, Carlos Calvelo; A Laracha, José Manuel Löpez Varela, e Culleredo, José Ramón Rioboo, ademais do comisionado para a mobilidade do Concello da Coruña, Antonio Alfeirán.
A reunión serviu para coñecer que temas ou desafíos figuran nas axendas urbanas de cada un dos concellos participantes, e en cales consideran que pagaría a pena traballar de maneira coordinada.
O encontro tamén serviu para incrementar o coñecemento mutuo entre os municipios veciños e sobre os obxectivos estratéxicos de cada un deles, ademais de contribuír a crear unhas condicións favorables que permitan que uns concellos veciños e autónomos a nivel competencial poidan converterse, sen renunciar á súa autonomía, senón partindo dela, en municipios cooperadores.
Os concellos presentes na sesión de hoxe xa están vinculados por diversas interdependencias e existe unha comunicación en curso a través da que se está traballando en temas industriais, de loxística e de mobilidade.