Inicio Carballo ao día Hemeroteca A Asociación de Mariscadores de Baldaio...

A Asociación de Mariscadores de Baldaio traballa na mellora do espazo natural a través de limpezas manuais periódicas

O Concello de Carballo colabora coa iniciativa facilitando colectores e xestionando os residuos recollidos

Martes 15 de novembro do 2022 Carballo ao día

Os mariscadores, clasificando o lixo recollido hoxe

Os mariscadores, clasificando o lixo recollido hoxe

A Asociación de Mariscadores Fonte de Santa Helena participa por primeira vez nun programa financiado polo Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP) para a protección e recuperación da biodiversidade e dos ecosistemas mariños a través da recollida do lixo mariño acumulado nas zonas de produción. A iniciativa arrincou no mes de outubro coas dúas primeiras xornadas de limpeza, e hoxe comezou a segunda quenda.

Ademais dos oito profesionais que integran a Asociación de Mariscadores Fonte de Santa Helena e da bióloga adscrita á zona, na iniciativa participa unha técnica do Centro Tecnolóxico do Mar (Cetmar). Dende o Concello de Carballo colaboramos facilitando os colectores e realizando a posterior xestión do lixo recollido. En só dous días retiráronse do espazo natural de Baldaio un total de 228 quilos de residuos, na súa maioría cordas, redes e plásticos.

Estes labores son beneficiosos para a explotación, xa que reducen a presenza de posibles contaminantes que poidan prexudicar ás especies que se crían na zona, nestes momentos berberecho e ameixa fina e xapónica. Pero dende a Asociación de Mariscadores Fonte de Santa Helena tamén se pretende realizar un labor de sensibilización social. Deste xeito, tras a experiencia acumulada nas limpezas realizadas entre outubro e novembro (a última será mañá mércores), a iniciativa retomarase nos meses de xaneiro e febreiro con novas xornadas de recollida de lixo abertas a toda a cidadanía.

Compartir: