Inicio Carballo ao día Hemeroteca Máis de 130 persoas participan nos...

Máis de 130 persoas participan nos obradoiros de memoria incluídos no programa municipal de envellecemento activo

Aínda quedan prazas en Ardaña e Entrecruces

Mércores 2 de novembro do 2022 Benestar

Hoxe empezou o curso de memoria en Verdillo

Hoxe empezou o curso de memoria en Verdillo

Algo máis de 130 persoas participan nos obradoiros de memoria que se levan a cabo en distintas parroquias do concello dentro do programa de envellecemento activo impulsado dende as concellarías de Benestar e Terceira Idade. Hoxe arrincou o curso en Verdillo, con 18 participantes, e ata alí achegáronse as concelleiras Maica Ures e Maruxa Suárez e o presidente de Afaber, entidade contratada para impartir os talleres.

Jesús Villar animou ás persoas que asisten aos cursos a aproveitar as ferramentas que se lles ofrecen para estimular a mente e retardar o avance dalgunhas das patoloxías máis comúns na terceira idade. A concelleira de Igualdade, Benestar e Sanidade, Maica Ures, engadiu que tan importante como coidar a saúde física con programas como o de ximnasia para maiores que promove o Concello de Carballo é coidar a saúde mental mantendo a nosa actividade o maior tempo posible e mellorando a nosa calidade de vida.

Tras a posta en marcha dos talleres de memoria en Carballo, Sofán e Verdillo, mañá arrincará outro en Ardaña e o venres dous máis en Sísamo e Razo. A semana que vén sumaranse Noicela-Rebordelos e Lema. En todos eles supérase o máximo de prazas previstas e mesmo hai listaxe de agarda agás en Ardaña, onde aínda poderían incorporarse máis persoas. Tamén está pendente a organización doutro curso na zona de Entrecruces-Rus sempre que exista un mínimo de participantes. As persoas interesadas deben poñerse en contacto con Afaber nos teléfonos 981 758 545 - 625 980 691. O prazo estará aberto ata o martes 8. Á marxe do lugar de celebración, calquera dos obradoiros está aberto a veciños e veciñas de todo o concello.

Para facilitar a participación da veciñanza de todo o concello, agrupamos as parroquias por proximidade. Estes son os horarios de cada grupo:

  • Lema-Vilela: centro social de Lema, os martes de 11.15 a 12.15 horas.
  • Noicela-Rebordelos: centro social de Imende, os martes de 10.00 a 11.00 horas.
  • Razo-Oza: centro social de Razo, os venres de 11.30 a 12.30 horas.
  • Sofán-Aldemunde: centro social de Sofán, os mércores de 10.00 a 11.00 horas.
  • Verdillo-Bértoa: centro social de Verdillo, os mércores de 11.15 a 12.15 horas.
  • Sísamo-Cances-Goiáns: centro social de Sísamo, os venres de 10.00 a 11.00 horas.
  • Ardaña-Artes: centro social de Ardaña, os xoves de 10.00 a 11.00 horas (aínda hai prazas).
  • Rus-Entrecruces: centro social de Entrecruces (pendente da creación de grupo).
  • Carballo: Pazo da Cultura, os luns de 11.30 a 12.30 horas.

A única condición para poñer en marcha os obradoiros é que haxa un mínimo de 10 inscricións. Con esta iniciativa, que se prolongará ata o mes de maio do 2023, o Concello de Carballo pretende contribuír a que os nosos veciños e veciñas poidan permanecer activos durante máis tempo na sociedade. No noso concello hai máis de 11.000 persoas maiores de 60 anos.

Compartir: