O crecente risco de rotura e caída de pólas obriga a substituír por outras árbores os chopos do Parque do Anllóns
Os técnicos desaconsellan a plantación de “populus” nas zonas urbanas polo gran tamaño que acadan, a fraxilidade da madeira e súa a escasa lonxevidade
Martes 1 de novembro do 2022 Carballo ao día
A caída de pólas obrigou a cortar o paso en varias ocasións para evitar riscos
Os tres exemplares de chopo existentes no Parque do Anllóns empezaron hai un tempo a sufrir os efectos da idade. As roturas e caídas de pólas provocaron xa varios avisos á Policía Local e obrigaron a establecer un perímetro de seguridade para evitar danos ás persoas que residen na zona ou pasean pola beira do río. A partir do primeiro episodio, aproximadamente hai tres anos, estableceuse un sistema de control permanente por parte da brigada municipal de xardíns coa finalidade de anticiparse a calquera posible incidencia, pero a situación das tres árbores segue empeorando e por parte dos servizos técnicos especializados consideran “inevitable” a súa retirada para evitar riscos innecesarios.
Tal como se fai constar no informe técnico elaborado polo servizo de xardíns, “os chopos son unha especie de efectos inmediatos, de gran envergadura, rápido crecemento e pouco lonxevos, que debido ao propio proceso de envellecemento perden as características polas que foron plantados, e entrañan numerosos problemas na idade adulta”. Precisamente polas súas particularidades, especialmente pola gran fraxilidade das pólas e o risco que iso supón para as persoas, os Populus non se consideran axeitados para convivir nas rúas e parques urbanos.
Coa finalidade de acometer as actuacións necesarias antes da chegada do inverno, se o tempo o permite a tala dos chopos realizarase este xoves 3 de novembro, e prolongarase aproximadamente entre as 09.00 e as 18.00 horas. Para evitar riscos á poboación, a rúa Manuel María permanecerá pechada e habilitarase un itinerario alternativo para os peóns. Toda a zona estará debidamente sinalizada e controlada pola Policía Local.
Os 3 chopos serán substituídos por 13 exemplares de especies máis axeitadas para un parque urbano, como Fagus sylvatica, Ginkgo biloba, Pyrus calleriana e Liqidambar styraciflua. A plantación das novas árbores realizarase dentro dun novo proxecto de acondicionamento das zonas verdes que se acometerá nas vindeiras semanas.