Inicio Carballo ao día Hemeroteca O seminario sobre ciberseguridade ofreceu as...

O seminario sobre ciberseguridade ofreceu as claves para previr os delitos económicos máis habituais en internet

Empresas, profesionais e forzas de seguridade participaron na xornada organizada pola Concellaría de Promoción Económica

Venres 28 de outubro do 2022 Promoción Económica

O concelleiro Iván Andrade deu a benvida aos participantes no seminario

O concelleiro Iván Andrade deu a benvida aos participantes no seminario

Os delitos cibernéticos constitúen unha das maiores ameazas para empresas, institucións e particulares, pero hoxe déronnos as claves para previlos a experta en intelixencia Ana Isabel Páramo e o avogado penalista especializado en delitos informáticos Luis Jurado, que participaron no Seminario sobre intelixencia empresarial e ciberseguridade organizado pola Concellaría de Promoción Económica.

A iniciativa reuniu no auditorio do Fórum Carballo a unha trintena de profesionais de distintos sectores, empresas, persoal municipal e forzas de seguridade. O concelleiro de Innovación, Formación e Emprego, Iván Andrade, abriu o seminario agradecendo a presenza en Carballo de dous expertos de tanto prestixio como a madrileña Ana Páramo e o sevillano Luis Jurado, e convidando ás persoas participantes a tomar boa nota da súa experiencia para intentar atallar un problema que afecta á sociedade no seu conxunto e cada vez a máis veciños e veciñas, tamén no noso concello e na contorna.

Ana Páramo e Luis Jurado

Ana Páramo e Luis Jurado

Ana Páramo centrou a súa intervención na importancia de que as pemes utilicen a intelixencia corporativa, unha ferramenta útil para reducir a incerteza e anticiparse ao futuro. Coñecer as debilidades do sistema, como poden atacar os piratas da rede ou o perigo que supoñen as infeccións nos dispositivos tecnolóxicos das pemes son aspectos fundamentais nos tempos que corren. Pero, segundo datos ofrecidos hai uns días pola secretaria de Estado de Dixitalización e Intelixencia artificial, Carme Artigas, só o 59% das empresas de menos de dez traballadores/as dispoñen dalgunha medida de ciberseguridade.

Luis Jurado explicou como se poden previr o ransomware ou o phising, que constitúen os principais delitos informáticos, e neste sentido insistiu na importancia de manter os dispositivos actualizados, de utilizar provedores fiables, ferramentas de protección (antivirus, etc), realizar copias de seguridade, monitorizar as fugas de datos, implementar novos protocolos de comportamento (pregunta de seguridade, sinatura dixital, comprobar os remitentes dos emails...) e insistir na formación do persoal.

Tamén se detivo no fraude bancario, advertindo da existencia dunha vía civil regulada no Real Decreto Lei 19/2018, de 23 de novembro, de servizos de pago e outras medidas urxentes en materia financeira, que se recolle a obriga das entidades bancarias de devolver os cartos roubados por fallos de seguridade informática, e comentou que se está a traballar coa Garda Civil na confección dun formulario que poidan utilizar as persoas afectadas.

A xornada, á que tamén asistiron o alcalde, Evencio Ferrero, e o concelleiro de Seguridade, Juan Seoane, rematou con moi boa valoración por parte do público.

Compartir: