A aprobación definitiva do plan especial das casas dos mestres permitirá iniciar os trámites para derrubalas e construír un edificio social
A proposta presentarase no pleno ordinario do luns 31 de outubro, no que se abordarán un total de 17 asuntos
Venres 28 de outubro do 2022 Carballo ao día
Despois de dous meses de exposición pública e da tramitación das autorizacións sectoriais pertinentes ante as administracións estatal e autonómica, o Concello de Carballo recibiu esta semana o último informe relativo ao plan especial das casas dos mestres (PERI-2), “co cal imos proceder á aprobación definitiva no pleno ordinario deste luns”, segundo anunciou hoxe o alcalde.
Evencio Ferrero indicou que a partir da aprobación definitiva xa poderá redactarse, por unha banda, o proxecto de demolición, e, por outra, iniciar a tramitación do expediente para a construción dun edificio que poida dar cabida ás entidades sociais que desenvolven a súa actividade no noso concello, facilitando e impulsando a atención ás necesidades da cidadanía.
O plan especial, que é un documento imprescindible para poder acometer a construción dun edificio para as entidades sociais, afecta a unha superficie de 2.575 metros cadrados. Segundo a proposta inicial, a reforma integral dese ámbito permitiría acometer a construción dun edificio social, unha praza e mesmo un aparcamento, ademais de regularizar o viario.
O alcalde deu a coñecer hoxe os asuntos que se debaterán no pleno do luns 31 de outubro, entre os cales tamén figuran a proposta de adhesión de Carballo á Rede de cidades saudables, as expropiacións para o proxecto de Augas de Galicia na Cepeira ou varias bonificacións de ICIO para novas empresas. Tamén está prevista a comparecencia, ao remate da sesión, dunha representante das traballadoras dos centros dependentes do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar que desenvolven o seu labor no noso concello. Podes descargar a orde do día máis abaixo.