Inicio Carballo ao día Hemeroteca O Centro Municipal de Formación redobra a...

INFÓRMATE NO FÓRUM CARBALLO

O Centro Municipal de Formación redobra a aposta pola preparación de soldadores/as con equipos pioneiros en Galicia

En novembro arrincará un novo curso de soldadura con electrodo revestido e TIG con 15 prazas

Mércores 26 de outubro do 2022 Carballo ao día

Traballando co simulador

Traballando co simulador

O Centro Municipal de Formación, dependente da Concellaría de Innovación, Formación e Emprego, volve a apostar pola formación dos mellores profesionais en soldadura. As instalacións do Fórum Carballo son un exemplo a nivel galego. Ademais de ser o primeiro centro galego en utilizar simuladores con realidade aumentada, tamén fomos pioneiros ao incorporar un innovador equipo de soldadura que funciona con auga destilada, o que nos permite ofrecer unha formación de calidade e dun xeito máis seguro, máis respectuoso co medio ambiente e cos últimos avances tecnolóxicos.

Para o curso 2022-23 temos aprobadas dúas accións formativas de soldadura. A primeira, de soldadura con electrodo revestido e TIG, arrincará o 17 de novembro. Nestes momentos temos en marcha o proceso de selección de alumnado. Hai 15 prazas. As solicitudes de participación poden realizarse presencialmente na túa oficina de emprego de referencia ou a través da Intranet do Servizo Público de Emprego de Galicia. As persoas aspirantes deben ter titulación en ESO, competencias clave de nivel 2, FP básica ou de grao medio, ou similares.

O curso de soldadura con electrodo revestido e TIG constará de 758 horas de formación, incluídos un módulo de prevención de riscos laborais e os módulos transversais sobre inserción laboral, sensibilización medioambiental e igualdade de xénero. As persoas interesadas poden informarse no Fórum Carballo, ben nas oficinas municipais situadas no segundo andar ou ben na oficina de emprego da planta baixa.

Compartir: