Inicio Carballo ao día Hemeroteca Aberto o prazo de inscrición para os...

IMPARTE AFABER

Aberto o prazo de inscrición para os cursos de memoria que se levarán a cabo ata maio en distintas parroquias

Martes 18 de outubro do 2022 Benestar

A concelleira de Benestar e o presidente de Afaber desprazáronse ata Sofán coincidindo co inicio do curso

A concelleira de Benestar e o presidente de Afaber desprazáronse ata Sofán coincidindo co inicio do curso

Dentro do programa de envellecemento activo impulsado dende as concellarías de Benestar e Terceira Idade, este curso levaremos a cabo, coa colaboración da asociación Afaber, nove obradoiros de memoria noutros tantos centros sociais do noso concello.

Coa finalidade de facilitar a participación da veciñanza de todo o concello, agrupamos as parroquias do seguinte xeito, aínda que cada persoa poderá anotarse para o grupo que queira, independentemente da parroquia na que resida:

  • Lema-Vilela (centro social de Lema)
  • Noicela-Rebordelos (centro social de Imende)
  • Razo-Oza (centro social de Razo)
  • Sofán-Aldemunde (centro social de Sofán)
  • Verdillo-Bértoa (centro social de Verdillo)
  • Sísamo-Cances-Goiáns (centro social de Sísamo)
  • Ardaña-Artes (centro social de Ardaña)
  • Rus-Entrecruces (centro social de Entrecruces)
  • Carballo (Pazo da Cultura)

En Carballo xa está en marcha o curso, e en Sofán arrincou este mércores coa visita ás participantes da concelleira de Benestar, Maica Ures, e do presidente de Afaber, Jesús Villar. As persoas interesadas en participar aínda poden anotarse chamando a Afaber (981 758 5 45 - 625 980 691). O prazo remata o 25 de outubro. A única condición para poñer en marcha os obradoiros é que haxa un mínimo de 10 inscricións. En cada un haberá 15 prazas, que se cubrirán por orde de solicitude.

Os cursos irán poñéndose en marcha a medida que se completen os grupos, e desenvolveranse ata o mes de maio do 2023. Con esta iniciativa, o Concello de Carballo pretende contribuír a que os nosos veciños e veciñas poidan permanecer activos durante máis tempo na sociedade. No noso concello hai máis de 11.000 persoas maiores de 60 anos.

Compartir: