Inicio Carballo ao día Hemeroteca O Concello de Carballo celebra coas...

O Concello de Carballo celebra coas panadarías tradicionais do noso concello o Día Mundial do Pan

Un concurso nas redes sociais e o reparto de material da campaña “Máis de Carballo que o pan” contribuirán a dinamizar o sector

Venres 14 de outubro do 2022 Mercado Municipal

A presentación da campaña realizouse no mercado municipal de abastos

A presentación da campaña realizouse no mercado municipal de abastos

“A historia de Carballo está moi ligada ao pan”, asegura o historiador Xan Fraga no libro Crónicas de Carballo I. De feito, no reconto de poboación do ano 1571 reflectíase que a parroquia de San Xoán Bautista contaba con oito veciños, e que todos “son labradores que labran pan e por el dicho oficio se sustentan”. Catro séculos e medio despois, e malia que a poboación do municipio de Carballo supera os 31.000 habitantes, ese oficio non só sustenta o negocio dunha vintena panaderías e un muíño, senón que ao seu arredor nacen e medran novas empresas vinculadas aos sectores da alimentación e a hostalería.

Seguir promocionando o pan de Carballo para que dentro doutros catro séculos e medio siga conservando a súa boa sona é o obxectivo dunha serie de actividades que vén impulsando o Concello dentro da iniciativa Máis de Carballo que o pan. Hoxe presentamos unha nova proposta que se desenvolverá arredor do Día Mundial do Pan, que se celebra cada 16 de outubro dende o ano 2006, e na que estarán implicadas unha vintena de panadarías tradicionais do noso concello, dende Outón de Rus ata Razo, pasando por Sofán, Ardaña, Bértoa, Carballo e, por suposto, A Brea, o barrio panadeiro por excelencia.

Dez dos panadeiros e panadeiras participantes, en representación de todo o sector, deron a coñecer a iniciativa xunto co alcalde, Evencio Ferrero, e o concelleiro de Feiras e Mercados, Juan Seoane. Precisamente o mercado municipal de abastos foi o escenario da presentación da campaña, que, como explicou Juan Seoane, inclúe un concurso en redes sociais (podes descargar as bases máis abaixo) e a distribución entre a clientela das panadarías de material promocional (bolsas de pan e adhesivos) coa imaxe de Máis de Carballo que o pan, un simpático molete que agardamos que protagonice moitas máis actividades no futuro.

Na propia presentación, de feito, xa se presentaron por parte dalgúns dos asistentes algunhas ideas para seguir promocionando o pan de Carballo, pero o primeiro paso está dado coa amplísima participación. Nun momento de expansión das empresas vinculadas ao sector parece axeitado poñer en marcha unha serie de accións que contribúan a fortalecer a marca Panadarías de Carballo, incrementar a proxección do noso pan fóra do municipio e da comarca coma un recurso gastronómico con grandes posibilidades turísticas e revalorizalo a nivel local con iniciativas que impliquen a outros sectores económicos, coma a hostalería. En definitiva, aportarlle un valor engadido.

Descargas

Compartir: