Inicio Carballo ao día Hemeroteca Aquí tes a nova colaboración entre...

Aquí tes a nova colaboración entre Derrubando Muros con Pintura e FIOT para celebrar o 30º aniversario de Mofa e Befa

Xoves 13 de outubro do 2022 Cultura

Unha vez máis, dous relevantes proxectos culturais impulsados polo Concello de Carballo únense para poñer en común a artistas das artes escénicas e das artes visuais. O proxecto de arte urbana Derrubando Muros con Pintura participa no FIOT coa creación dun mural conmemorativo do 30º aniversario de Mofa e Befa. O resultado podedes velo no cruce entre as rúas Barcelona e Tarragona, que se converteu este mércores en punto de encontro para o autor do mural, Yoseba MP; os homenaxeados, Víctor Mosqueira e Evaristo Calvo; Antón Guitoi, en representación da asociación Telón e Aparte; os concelleiros de Cultura e Turismo, Marcos Trigo e Xosé Regueira, e o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero.

Yoseba MP é un dos máximos representantes da pintura urbana en Galicia, de marcado estilo realista, que plasma escenas cotiás, a través dunha pincelada moi suxestiva e de forte influencia fotográfica. Nesta ocasión, ademais de retratar a Mofa e Befa, incluíu na súa obra un elemento arquitectónico imprescindible en Carballo como é o antigo depósito da auga.

Neste 30º aniversario de Mofa e Befa, o famoso dúo cómico está máis presente ca nunca en Carballo e no FIOT. O festival foi escenario da estrea absoluta de Pirolíticos, unha divertida comedia sobre o feminismo e o impacto do patriarcado da que puideron desfrutar, ademais do público en xeral, os alumnos e alumnas de varios centros educativos do concello e da contorna. A estrea coincidiu tamén coa entraga do Xograr de Outono a Evaristo Calvo, que tamén queda unido para sempre á historia cultural do noso concello.

E ademais, no Pazo da Cultura pode verse ata o 13 de novembro a exposición 30 anos de Mofa e Befa, que permite evocar o percorrido destes dous monstros da escena que, non contentos con parodiar a política, a televisión ou cinema, se atreveveron a meterlle o dente aos clásicos máis sagrados como Shakespeare, o século douro español ou Rosalía de Castro. Esta exposición, que conta co apoio da Deputación da Coruña, está comisariada pola artista Natasha Lelenco, e conta con actividades de mediación con Rubén G. Pedrero, Piti Sanz e Quico Cadaval. A revisión lingüística é de Ana Triñanes e a unidade didáctica, de Silvia García González.

O 28 de decembro de 1992, Mofa e Befa asaltaron literalmente o escenario da Sala Nasa de Santiago. Crearon un dúo de comedia contemporánea que non se parecía a nada. Acedos, truculentos, críticos, incorrectos, desafiantes corrixían estas corrosivas cualidades cunha especie de inocencia herdada dos pallasos, das parellas de clowns. Desde aquel momento, Mofa e Befa ocuparon todo tipo de territorios e espazos públicos: concertos de rock, pubs diminutos, congresos de filosofía, vodas, sidrarías vascas, e ás veces, tamén, teatros. Unha creatividade que transformou tamén os produtos que se facían ao seu redor, facendo de Mofa e Befa protagonistas da luminosa década dos 90 para o teatro galego. O dúo de pallasos terríbeis foi unha ferramenta que despertou o interese doutros creadores, como Jorge Coira na sua época muda, Miguel Piñeiro co seu lendario espazo “Apaga a Luz” e mesmo foron chamados para participar nese espazo da inocencia divertida que se chamou “Xabarín Club”.

Compartir: