Inicio Carballo ao día Hemeroteca Avanzan as obras de conservación e mellora...

Avanzan as obras de conservación e mellora do núcleo tradicional dos Vilares, en Sísamo

Os traballos teñen un orzamento de 227.651 euros

Venres 7 de outubro do 2022 Carballo ao día

O alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, e o concelleiro de Obras e Servizos, Luis Lamas, realizaron unha visita aos Vilares, na parroquia de Sísamo, dentro do programa de seguimento das obras de conservación e mellora de rúas nese núcleo rural tradicional. A actuación realizarase nun total de 2.600 metros lineais de vías, que serán pavimentadas con formigón, seguindo as recomendacións de Patrimonio para os núcleos rurais. Serán, en total, 9.000 metros cadrados de superficie. As obras están incluídas no POS+ Adicional da Deputación da Coruña e foron adxudicadas por 227.651 euros.

As obras permitirán adecuar as vías ás aliñacións aprobadas no PXOM, pero tamén completar o o servizo público de abastecemento de auga ás zonas que carecen del. Deste xeito, está previsto colocar 175 metros de tubaxes, dúas bocas de rega e dúas válvulas de comporta. A drenaxe de augas pluviais completa o proxecto, que executa a empresa Vázquez y Reino.

A actuación permitirá que Os Vilares se sume a outros lugares singulares coma Cances Grande, O Rodo, Vilar de Cidre ou Castillón, nos que levamos a cabo actuacións integrais de dotación de servizos e pavimentación do rueiro con formigón co obxectivo de revitalizalos e poñelos en valor.

Compartir: