Milagros Lantes presidiu en Palma a asemblea da asociación das Cidades que Camiñan
A concelleira de Planificación e Estratexia Urbana, o concelleiro de Mobilidade e o arquitecto municipal participan hoxe no congreso da rede
Venres 7 de outubro do 2022 Carballo ao día
A concelleira de Planificación e Estratexia Urbana, Milagros Lantes, presidiu este xoves a asemblea xeral da asociación das Cidades que Camiñan, previa ao congreso anual da rede, que se celebra hoxe en Palma e na que Carballo tamén está representado polo concelleiro de Mobilidade, Juan Seoane, e polo arquitecto municipal, Alfredo Garrote.
Na asemblea de onte tomaron parte tamén representantes das cidades de Antsoain, Bilbao, A Coruña, Cádiz, Xetafe, La Línea de la Concepción, Mairena del Aljarafe, Maó, Sevilla, Tomiño, Torrelodones, Valladolid, Valencia, Vic, Vilagarcía de Arousa, Xixón e Palma. O alcalde de Pontevedra e presidente da rede, Miguel Anxo Fernández Lores, incorporouse máis tarde por cuestións de axenda.
A presidenta da asemblea destacou no seu saúdo que o organismo intermunicipal está plenamente consolidado, e que cada ano gaña non só en cantidade senón en calidade. Na actualidade compoñen a rede 78 municipios e 2 deputacións, que representan a 9,2 millóns de persoas.
A asemblea xeral da entidade aprobou a creación dun seminario permanente de espazo público, aínda que deixou o seu financiamento para un estudo máis profundo. Esta escola de espazo público é un proxecto que se presenta para complementar a formación de funcionarios/as e políticos/as en materia de transformación urbana, e consistiría en cubrir tanto demandas puntuais sobre temas específicos que calquera persoa vinculada á rede poida necesitar, como a poñer en funcionamento un curso on-line de 40 horas que poida ser homologado.
Entre os acordos adoptados destaca a elección de Valladolid como sede do congreso do ano 2023.
A directora técnica, Ana Montalbán, realizou un balance pormenorizado de toda a actividade do último ano e falou dos proxectos para o próximo, entre os que destaca, ademais da creación da escola de espazo público, un estudo global da camiñabilidade en España, do que se poderá deducir se as rúas e prazas do medio habitado se axustan ou non os requisitos de calidade desexables.
No ámbito da gobernanza falou dunha futura reunión interministerial sobre Zonas de Baixas Emisións (ZBE), tema sobre o que a Rede mantén que as cidades deberían ter a posibilidade de constituír zonas de tráfico reducido para non promover un simple cambio de combustible que de privilexios aos coches máis novos e caros.