Arrincan as obras de acondicionamento da vía de acceso ao centro social de Lema
Martes 4 de outubro do 2022 Carballo ao día
O centro social de Lema terá en breve un acceso acorde ao edificio. Este mércores 5 de outubro está previsto que comecen as obras de acondicionamento da vía, que inclúen tamén a renovación dos servizos urbanísticos e que serán executadas por Excavaciones Pose. Un representante da empresa, técnicos municipais, o concelleiro de Obras e Servizos, Luis Lamas, e o alcalde, Evencio Ferrero, achegáronse hoxe ata o lugar para concretar os detalles da actuación, na que se investirán uns 30.000 euros. A nova pista terá 4,5 metros de ancho e facilitará a participación de toda a poboación nas actividades que se desenvolven no centro social e o acceso ás instalacións do parque infantil e do parque biosaudable existentes no recinto.
O acondicionamento da pista era unha demanda pendente co consello parroquial, do que tamén partiu no seu momento a proposta de rehabilitación da antiga escola para convertela en centro social. As obras arrincaron no ano 2019, e aínda que remataron no 2020, houbo que agardar ao final da pandemia e das restricións para poder estrear o edificio, no que xa desenvolven a súa actividade as entidades da parroquia.
O proxecto incluíu tamén a urbanización da parcela, que conta con zona de aparcamento e un parque con xogos infantís e para as persoas maiores, pero quedaba pendente a mellora do acceso para completar a actuación. Se non hai imprevistos, a nova vía estará lista antes do Nadal.