Teléfono específico de atención administrativa xeral e preferente para as persoas maiores de 65 anos
Martes 4 de outubro do 2022 Benestar
Empeza a funcionar o 900 333 666 que evitará a escoita de mensaxes automatizadas e a marcación de opcións. Esta iniciativa está orientada a proporcionar unha atención máis personalizada, ademais de apoiar a independencia das persoas maiores.
O teléfono é unha das ferramentas da Canle +65, que ten como obxectivo romper coa fenda dixital e facilitar o contacto directo coa Administración galega e que inclúe servizos como a cita en Atención Primaria do Servizo Galego de Saúde, ou a atención nas Oficinas de Información e Rexistro da Xunta de Galicia, así como nas oficinas da Axencia Tributaria de Galicia.
Nos centros de atención primaria do Sergas a atención telefónica para maiores de 65 anos priorizarase mediante un sistema automatizado. Este sistema permite que quen chama, en caso de que non poida ser atendido no momento, teña a opción de deixar algúns datos persoais co fin de que o operador sanitario, no momento en que quede libre, devolva a chamada con carácter prioritario.
Por outra banda, as Oficinas de Información e Rexistro da Xunta de Galicia e as oficinas da Axencia Tributaria de Galicia contarán cunha atención telefónica reforzada, na que se priorizará a chamada, sempre que o usuario manifeste que é maior de 65, sen necesidade de escoitar mensaxes nin facer marcación. E, no caso de que unha persoa maior acuda sen cita, será atendida cunha cita ad hoc preferente con respecto aos restantes usuarios que, igualmente, acudan sen cita.