Inicio Carballo ao día Hemeroteca Entramos de cheo no outono cunha xornada...

SÁBADO 15 DE OUTUBRO

Entramos de cheo no outono cunha xornada práctica para coñecer o mundo dos cogomelos

Inscríbete en “Carballo micolóxico”, unha actividade de busca, clasificación e degustación de setas que tamén inclúe un obradoiro de cultivo en madeira

Luns 3 de outubro do 2022 Participación veciñal

Outubro é o mes das setas. E este ano no Concello de Carballo queremos contribuír dun xeito especial á divulgación do mundo da micoloxía a través dunha actividade promovida dende a área de Medio Ambiente para o sábado 15. Apúntate a Carballo micolóxico!

Contámosche en que vai consistir. Ás 09.30 subiremos a un autobús para desprazarnos ata a zona da recollida. As persoas que o prefiran poderán ir no seu vehículo particular, pero queremos fomentar o uso do transporte colectivo para que a nosa actividade teña unha incidencia menor no medio natural. O punto de encontro será o centro social Escola de Arrabaldes, no barrio da Milagrosa.

Xa pola tarde, e despois dun par de horas para xantar por libre, volveremos a xuntarnos ás 16.00 horas na Escola de Arrabaldes para a clasificación dos cogomelos recollidos e a posta en común da actividade. Ás 17.30 celebraremos unha actividade novidosa, que consistirá nun obradoiro de cultivo de setas en madeira. Ao remate, sobre as 19.00 horas, haberá unha pequena degustación gastronómica de cogomelos que porá o punto final á xornada e que preparará o restaurante Río Sil.

Nesta estrea de Carballo micolóxico contaremos con Jaime Bernardo Blanco Dios, enxeñeiro agrónomo e presidente da Asociación Micolóxica Brincabois de Pontevedra, que nos acompañará na saída a campo e na selección e clasificación das setas, e tamén con Jesús López Penabad, enxeñeiro técnico forestal e experto no cultivo de shiitake, que nos amosará o método tradicional xaponés, en madeira (tes un exemplo na imaxe).

Anímaste a participar? Pois xa podes inscribirte cubrindo este formulario. Hai 40 prazas, así que non te demores.

E lembra! Para a saída de campo recomendámosche levar gorra, roupa e calzado impermeables, auga, navalla e cesta de vimbio. E se vas utilizar o autobús non esquezas a máscara. Se estás inscrito/a e finalmente non podes acudir agradecémosche que avises o antes posible en info@carballolimpo.com para que outra persoa poida ir no teu lugar.

Ligazóns



Galería

Compartir: