Inicio Carballo ao día Hemeroteca O Concello de Carballo volve a aumentar os...

O Concello de Carballo volve a aumentar os importes dos vales de alimentos para paliar o encarecemento da cesta da compra

A Concellaría de Igualdade e Benestar reorganiza a distribución dos recursos dispoñibles para facer fronte ás necesidades das familias

Sábado 1 de outubro do 2022 Benestar

A COVID-19 disparou as solicitudes de vales de alimentos debido á paralización da actividade empresarial e laboral, e dende a Concellaría de Igualdade e Benestar non só se fixo fronte no ano 2020 ao forte incremento da demanda, un 69,69% maior que antes da crise sanitaria, senón que ademais incrementáronse as contías dos vales, que non son fixas, porque dependen das circunstancias e do número de membros de cada unidade de convivencia.

Dous anos despois, o problema xa non é o cese da actividade económica que padecemos ao principio da pandemia, senón o encarecemento da vida. No pasado mes de abril a Concellaría de Igualdade e Benestar incrementou de novo os vales de alimentos, entre un 20% e un 25% segundo os casos, para intentar paliar a suba do prezo da luz, ao tempo que se convocaban, por segundo ano consecutivo, as axudas específicas de 200 euros nun pago único para familias usuarias do bono social ou que, por motivos de saúde, precisan dispoñer nos seus domicilios de aparatos con gran consumo eléctrico. A convocatoria resolverase en breve.

“Debido ao incremento do IPC e da inflación, consideramos que é preciso contribuír a que as familias máis vulnerables poidan acceder a recursos básicos”, apunta a concelleira de Igualdade e Benestar, Maica Ures, e por iso dende o seu departamento veñen de incrementarse de novo os importes dos vales de alimentos para que as familias do noso concello poidan facer fronte ao encarecemento da cesta da compra. Con esta finalidade, dende o 1 de outubro aplícase un novo aumento do 20% ao 25% nos vales de alimentos que reciben as familias do noso concello, e que poden superar, en función do número de membros, da composición e das necesidades específicas de cada familia, os 300 euros ao mes.

Compartir: