Inicio Carballo ao día Hemeroteca O centro social de Artes quedou pequeno na...

O centro social de Artes quedou pequeno na xuntanza de peche da rolda anual de consellos parroquiais

Venres 30 de setembro do 2022 Participación veciñal

Os consellos parroquiais remataron por este ano, e fixérono en Artes coa participación máis alta desta última rolda de xuntanzas. O centro social quedou pequeno para acoller ao medio cento de persoas que quixeron participar na reunión, na que se presentou unha relación de demandas e propostas de todo tipo presentadas pola veciñanza nun encontro previo celebrado o domingo pasado.

Aínda que ao longo da sesión se puxeron sobre a mesa cuestións moi diversas, houbo varias que centraron o groso das intervencións. Por unha banda, por parte da veciñanza solicitáronse varias melloras na estrada provincial 1903: sobreancho, limpeza de cunetas, reposición de arquetas, colocación de bolardos no Xamozo. A este respecto, os representantes do goberno municipal, o alcalde, Evencio Ferrero, e o concelleiro Luis Lamas, comprometéronse a trasladar as necesidades á Deputación da Coruña, titular da vía.

Outro dos asuntos máis debatidos foi a necesidade de estender a fibra óptica polos lugares da parroquia que carecen deste servizo, e neste sentido por parte dos representantes municipais pediuse á veciñanza a elaboración dunha listaxe dos núcleos afectados para poder presentar a solicitude correspondente ante a empresa encargada do despregue.

Tamén xeraron certo debate os parques infantís. Tal como acordara o consello parroquial na última xuntanza, o Concello de Carballo instalará un parque xunto á igrexa, no terreo adquirido polo concello e a parroquia. O emprazamento foi escollido pola veciñanza e xa está aprobada a consignación orzamentaria correspondente. Pero nesta xuntanza propúxose tamén ampliar o parque de Santa Lucía e arranxar o das Pallas.

Cuestións relacionadas coa rede viaria, o servizo de recollida de lixo ou a extensión das redes de auga e saneamento, entre outras, completaron a reunión.

Compartir: