Inicio Carballo ao día Hemeroteca O Congreso Concellos 2030 converteu Carballo no...

O Congreso Concellos 2030 converteu Carballo no punto de encontro de institucións e empresas comprometidas co desenvolvemento sostible

Unha interesantísima conferencia de Fernando Nebot pechou dous intensos días de actividades

Venres 30 de setembro do 2022 Carballo ao día

Participantes no panel de mobilidade, que pechou o congreso

Participantes no panel de mobilidade, que pechou o congreso

O Congreso Concellos 2030 converteu Carballo nun lugar de encontro, reflexión, debate e aprendizaxe para as institucións e as empresas comprometidas co desenvolvemento sostible. Unha consellería da Xunta, dúas deputacións provinciais, máis de 15 concellos dende Salvaterra de Miño ata Alfoz, o Consorcio das Mariñas, consultoras, compañías dos sectores enerxético ou da construción, estudantes e profesionais encheron durante dous días o auditorio do Fórum Carballo, aínda que as actividades tamén puideron seguirse en streaming a través da páxina de Facebook da Fegamp, que colaborou con Gestagua e o Concello de Carballo na organización.

Ao longo das dúas intensas xornadas de conferencias pasaron polo Fórum Carballo unha ducia de expertos e concelleiros/as e técnicos responsables das catro áreas de traballo: ciclo integral da auga, xestión de residuos, eficiencia enerxética e mobilidade. Os/as participantes tiveron a ocasión de coñecer ao detalle aspectos de máxima actualidade e de obrigado cumprimento para os concellos como a novas leis do ciclo da auga e de residuos, que van implicar cambios de gran calado na xestión destes dous servizos públicos.

Os/as participantes visitaron algunhas das instalacións do ciclo integral da auga

Os/as participantes visitaron algunhas das instalacións do ciclo integral da auga

Pero tamén tivemos a ocasión de analizar a política do Concello de Carballo en cada unha desas catro áreas. En canto ao ciclo integral da auga, nos relatorios xa se ofreceron datos moi contundentes que reflicten o esforzo que vén realizando o concello para achegar os servizos de abastecemento e saneamento á poboación. Con respecto a este último, por exemplo, o representante de Augas de Galicia que participou nas xornadas subliñou que o 95% da poboación do noso concello conta xa con saneamento, poñendo en valor unha porcentaxe que se acada en poucos municipios da comunidade autónoma. Pero sobre todo sorprenderon moi gratamente entre as persoas que non as coñecían as instalacións que fan que iso sexa posible, xa que o xoves pola tarde realizouse unha visita guiada que incluíu a captación do río Bardoso e a EDAR da Cepeira, entre outras.

No que respecta aos residuos, o tema central do congreso foi a nova lei e todo o que implica a nivel municipal, moi especialmente en canto ao pago por xeración de lixo. Neste sentido, dende o Concello de Carballo lévase anos traballando, como destacou o concelleiro Luis Lamas na súa exposición, na recollida selectiva de bio-residuos para fomentar a compostaxe mediante programas específicos para a zona urbana e a rural. Deste xeito estamos a reducir a fracción húmida dos residuos sólidos, que é a máis pesada e a que supón maior custe de tratamento, e anticipámonos ás obrigas que se aveciñan.

Do mesmo xeito que Carballo foi un concello pioneiro na xestión dos bio-residuos, tamén o foi, como se destacou de xeito reiterado no congreso, na implantación da tecnoloxía led no alumeado público, conseguindo un aforro que é especialmente valorado neste momento, co prezo da enerxía eléctrica disparado. Por este motivo, de feito, un dos relatorios que máis interese espertou na xornada de hoxe foi o de Xosé Manuel Golpe Acuña, técnico da FAEPAC, sobre as comunidades enerxéticas locais, unha nova forma de producir enerxía eléctrica na que, a partir de hoxe, probablemente empezarán a traballar tamén os concellos. Pero en materia de aforro enerxético tamén destacou a aposta do Concello de Carballo pola biomasa en edificios públicos e instalacións deportivas, xa que a día de hoxe este combustible está a metade de prezo que o gas, por exemplo.

A mobilidade sostible pechou a xornada deste venres e o congreso. Ademais de coñecer os exemplos de Pontevedra e Carballo, tivemos a oportunidade de escoitar a Fernando Nebot, unha persoa de referencia internacional en cuestións de mobilidade, que veu reforzar o noso convencemento de que temos que pensar en vilas e cidades para as persoas, e non só para as que camiñan, senón tamén para as que xogan, as que descansan á sombra ou as que toman un café nunha terraza.

Dende o Concello de Carballo agradecemos a implicación de Gestagua na organización do congreso, a colaboración da Fegamp e Ferroser e a participación das máis de cen persoas que pasaron entre o xoves e o venres polo auditorio do Fórum, e agardamos que as experiencias compartidas nos sirvan a todos e todas para seguir camiñando cara un futuro máis sostible.

Compartir: