Inicio Carballo ao día Hemeroteca O Congreso Concellos 2030 pon en valor a...

O Congreso Concellos 2030 pon en valor a estratexia de desenvolvemento sostible do Concello de Carballo

Un cento de persoas participan nas xornadas organizadas en colaboración con Gestagua, que continúan o venres

Xoves 29 de setembro do 2022 Carballo ao día

Na súa primeira xornada, o Congreso Concellos 2030 non só permitiu afondar no coñecemento da Estratexia 2030 europea, da nova Lei do ciclo da auga ou da tecnoloxía que permite prestar uns servizos moito máis sostibles, senón tamén no modelo que vén aplicando o Concello de Carballo nos últimos anos e que constitúe, a día de hoxe, un modelo de estratexia municipal de desenvolvemento sostible.

Técnicos e responsables políticos de distintos departamentos municipais explicaron os pasos que se veñen dando nos ámbitos do aforro enerxético, a mobilidade, a xestión de residuos e o ciclo integral da auga, tratanto de anticiparse ás necesidades da sociedade e tamén ás demandas e ás tendencias que vai marcando Europa. E para facilitar a visualización dese traballo, a xornada de traballo rematou cunha visita guiada a algunhas das instalacións e dos proxectos que sitúan o noso concello entre os pioneiros do desenvolvemento sostible en Galicia.

O Congreso Concellos 2030 reúne en Carballo a máis de cen participantes dos ámbitos técnico, universitario e político. No auditorio do Fórum Carballo, despois dunha primeira xornada dedicada ao ciclo integral da auga, mañá falarse sobre bio-residuos, enerxía e mobilidade, con relatorios tan interesantes como o que ofrecerá, para pechar o congreso, Fernando Nebot, un dos principais expertos en mobilidade do país. O programa completo, na seguinte ligazón.

Ligazóns

Compartir: