As iniciativas de arte urbana de Carballo, protagonistas na Placemaking Week Europa que se celebra en Pontevedra
O concelleiro de Promoción Económica e Turismo, Xosé Regueira, participou este xoves na presentación do proxecto Derrubando muros con pintura
Xoves 29 de setembro do 2022 Carballo ao día
Xosé Regueira e Maite Parga, hoxe en Pontevedra
O concelleiro de Promoción Económica e Turismo, Xosé Regueira, e a técnica de Turismo do Concello de Carballo, Maite Parga, presentaron este xoves en Pontevedra, no marco da Placemaking Week Europe, o proxecto de arte urbana Derrubando muros con pintura como un exemplo da utilización da arquitectura e a creatividade como estratexia para recrear o espazo público.
A Placemaking Week Europe é un congreso sobre urbanismo e recuperación do espazo público do que xa se levan celebrado tres edicións en Amsterdam, Estocolmo e Valencia. Pontevedra acolle a edición 2022 con 400 expertos/as de Europa, na súa maior parte, pero tamén de Estados Unidos e África. O obxectivo é reunir a persoas de todo o mundo que traballan “para crear mellores espazos públicos e unha cidade á altura dos ollos”, creando unha oportunidade para coñecer solucións alternativas para a transformación dos núcleos urbanos.
Mural realizado durante a Placemaking Week Europe
A participación do noso concello na Placemaking Week Europe vai máis alá da presentación de hoxe, porque grazas a unha colaboración co Concello de Carballo e coa Deputación da Coruña tamén se levou a cabo unha intervención artística por parte de Miguel Peralta e Xoana Almar, do colectivo Cestola na Cachola, que lembra ás mulleres do mar que levan as cestas de peixe na cabeza.