O Consello Parroquial de Cances pide melloras nas estradas autonómica e provincial e nos camiños forestais
Unha vintena de persoas participaron na xuntanza, a penúltima deste ano. Mañá xoves será a última en Artes
Mércores 28 de setembro do 2022 Participación veciñal
Reunión do Consello Parroquial de Cances
No Consello Parroquial de Cances falouse, sobre todo, da rede viaria. Unha vez que o Concello de Carballo está a atender as demandas presentadas en canto á pavimentación con cemento en Cances da Vila e ao arranxo da pista de Vilariño no límite co municipio de Malpica, que xa está previsto acometer o antes posible, as solicitudes da veciñanza céntranse, por unha banda, na mellora das vías forestais e, pola outra, nas estradas de titularidade autonómica e provincial.
Con respecto a estas últimas, a principal petición foi o acondicionamento dunha senda peonil nunha das marxes da estrada provincial para facilitar o acceso ao centro social e á escola. Nese sentido pediron ao alcalde que se realice dende o Concello de Carballo a solicitude correspondente á Deputación da Coruña. Tamén quedou encargado o concello de reclamar á Xunta de Galicia non só o arranxo da estrada autonómica que cruza a parroquia, senón tamén a instalación de luz e a limpeza da glorieta de acceso.
En canto ás vías forestais, a veciñanza de Cances solicitou un mantemento xeral e a creación dunha senda dende a escola infantil situada na beira da estrada autonómica ata o parque. Así mesmo, pediuse a modernización e ampliación dos xogos. Outra das demandas que se intentará atender é a instalación dun colector para o aceite.
A rolda de consellos parroquiais remata por este ano. O último celebrarase mañá xoves ás 20.00 horas en Artes.