Inicio Carballo ao día Hemeroteca A Xunta de Goberno Local inicia a...

A Xunta de Goberno Local inicia a contratación de dous novos proxectos de saneamento por máis de 350.000 euros

Aprobado o convenio anual entre o Concello e Cáritas Interparroquial de Bergantiños para o mantemento do centro de día Fogar de Bergantiños

Luns 26 de setembro do 2022 Carballo ao día

A Xunta de Goberno Local vén de aprobar os expedientes de contratación de dous novos proxectos hidráulicos, que, por unha banda, farán posible a extensión das redes de saneamento nos núcleos do Igrexario de Lema e Arnados (Razo), por 184.446,94 euros, e, por outra, permitirán acometer unha serie de melloras na rede por 173.622,10 euros.

Ademais foi adxudicado a Coregal Parques e Xardíns, por 89.774,72 euros, o proxecto de mellora e posta a punto de varias zonas verdes, o que permitirá estender as actuacións singulares realizadas en parques como o Rego da Balsa, a Praza de Galicia ou a da Cruz Vermella a outros espazos urbanos.

A Xunta de Goberno Local desestimou a solicitude de prórroga do contrato de alumeado ornamental, e aprobou as correspondentes aos contratos de subministro de pellets e achas, soporte ante continxencias físicas e ambientais do centro de proceso de datos e implantación e soporte de almacenamento, virtualización e copia de seguridade do Concello de Carballo.

Subvencións e licenzas

Na sesión ordinaria deste luns tamén foron aprobadas varias subvencións, entre elas as correspondentes ás convocatorias anuais de axudas ás entidades deportivas, por máis de 140.000 euros. Tamén se realizará unha achega de 35.000 euros á asociación cultural Telón e Aparte para a co-organización do FIOT. E ademais foi aprobado o convenio de colaboración entre o Concello de Carballo e Cáritas Interparroquial de Bergantiños para o mantemento do centro de día Fogar de Bergantiños, por 15.000 euros.

A Xunta de Goberno aprobou, así mesmo, o pago de facturas por importe de 34.697,61 euros e varias licenzas urbanísticas, entre elas a correspondente á construción cun campamento de turismo no lugar de Monte Peados (Razo), que suporá un investimento de máis de 700.000 euros, e a de primeira ocupación e inicio de actividade dunha pensión de 3 estrelas no lugar de Vilar de Peres (Rebordelos).

Compartir: