Inicio Carballo ao día Hemeroteca O Concello de Carballo denuncia o roubo de 21...

O Concello de Carballo denuncia o roubo de 21 pranchas metálicas do peche do novo parque canino da Braña

Venres 23 de setembro do 2022 Carballo ao día

En dous dos laterais do parque canino desapareceu a malla metálica

En dous dos laterais do parque canino desapareceu a malla metálica

O Concello de Carballo vén de presentar denuncia na Garda Civil polo roubo de gran parte do peche metálico do parque canino da Braña, que está a servizo da cidadanía dende hai dous meses. En total desapareceron 21 pranchas metálicas que estaban situadas entre os postes de madeira. O alcalde, Evencio Ferrero, e o concelleiro de Seguridade, Juan Seoane, achegáronse para comprobar o alcance dos danos, que xa están a ser reparados dende que se tivo coñecemento do suceso, a primeira hora da mañá, pola brigada municipal de obras. O valor dos elementos roubados acada os 1.059 euros, sen contar a man de obra.

O parque canino, que ten unha superficie de 690 metros cadrados, construíuse este verán. As obras consistiron na construción dun valado formado por postes de madeira e tela metálica, cun perímetro de 115 metros e unha altura de 1,50 metros. A instalación está dotada tamén cunha fonte de auga especialmente deseñada para que poidan beber os cans, papeleiras, bancos e zonas de xogo e adestramento. O investimento total foi de por 23.472,21 euros.

Dende o Concello de Carballo lamentamos os feitos, que se suman a unha serie de actos vandálicos que se veñen cometendo nas últimas semanas tanto nesta coma noutras instalacións municipais, e apelamos á colaboración da cidadanía para intentar identificar ás persoas autoras dos mesmos.

Compartir: