Inicio Carballo ao día Hemeroteca O Festival Internacional Outono de Teatro de...

O Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo lanza ‘Onda FIOT’, un novo espazo web que aúna as iniciativas sonoras promovidas polo certame

O público poderá escoitar desde www.fiot.gal as últimas obras gañadoras do Concurso Escolar de Teatro Lido, as creacións do FIOT Fónico ou mesmo a nova Escola do espectador nas ondas

Venres 23 de setembro do 2022 Cultura

Podes consultar a programacion do FIOT nos paneis que atoparás en distintos espazos urbanos

Podes consultar a programacion do FIOT nos paneis que atoparás en distintos espazos urbanos

O Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo ultima detalles da súa nova edición, que se celebrará do 30 de setembro ao 31 de outubro. Baixo o lema #VocesFIOT, o festival reivindicará este ano as voces singulares de artistas e compañías cunha marcada identidade e personalidade propia. Unha programación ampla, ambiciosa e que se vertebra coa vontade de chegar a todos os públicos. E, neste sentido, o propio FIOT expándese alén do teatro e segue a incorporar, como en cada edición, novas actividades paralelas.

Como parte deste medrar, o FIOT presentará un novo formato que recolle vellas inquedanzas: Onda FIOT, un espazo web que fai accesibles as iniciativas de teatro sonoro promovidas polo festival ao longo destes últimos anos, e que estará dispoñible nas vindeiras semanas a través da páxina oficial www.fiot.gal Así, o público poderá escoitar, por fin e desde calquera dispositivo, as últimas obras gañadoras do Certame do Teatro Lido; as ficcións sonoras do FIOT Fónico -‘A lúa, válvula de spray’ e ‘O espello que arde’- ou mesmo a Escola do Espectador, iniciativa pioneira no seu día en Galicia e que este ano dará un paso máis na súa traxectoria. Coa volta da presencialidade, volveranse celebrar espazos de diálogo e reflexión arredor das dramaturxias para xerar, á vez, unha nova ferramenta crítica e contemporánea: A Escola do Espectador nas Ondas, que se gravará ao vivo en Carballo, en formato podcast, durante as fins de semana de outubro da man de voces especializadas en artes escénicas. Estes capítulos ou novos arquivos sonoros  estarán dispoñibles tanto na web do festival como noutras plataformas dixitais.

Tal e como lembra a dirección do FIOT, a incorporación das novas tecnoloxías no mundo das artes abriu novos campos para achegar o feito artístico ao público. Se ben o festival conta desde hai 21 anos cunha liña específica de programación vinculada ao teatro sonoro -o Concurso Escolar de Teatro Lido ‘Xosé Manuel Eirís’-, nos últimos anos impulsou propostas singulares no panorama escénico galego. É o caso do FIOT Fónico, e que permitiu ao público, en plena pandemia, gozar gratuitamente de obras de teatro de autoras da Costa da Morte a través do teléfono móbil e tiñan, como escenografía, as rúas Carballo.

Nesta vontade de sumar novas iniciativas e públicos ao seu extenso programa, e que medren xunto ao festival dun xeito firme e sostido, este ano o FIOT abre esta nova xanela a través da súa propia páxina web, á fin de ter, neste Onda FIOT, un espazo de referencia para que estas creacións estean dispoñibles, dun xeito estable, ao longo de todo o ano.

Aberta a inscrición para o XXI Concurso de Teatro Lido

O Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo mantén aberta estes días, precisamente, a inscrición para participar na nova edición do Concurso Escolar de Teatro Lido ‘Xosé Manuel Eirís’, o certame dirixido ao alumnado dos centros educativos e asociacións da comarca de Bergantiños que pretende favorecer o coñecemento das artes escénicas entre a rapazada así como a súa iniciación á interpretación dramática. Organizados en grupos de entre 2 e 8 menores, cada colectivo interpretará un fragmento dun texto teatral -de temática libre e para todos os públicos-, que gravarán, cos recursos sonoros que consideren axeitados, nun vídeo de entre 2 e 5 minutos.

O prazo da solicitude de inscrición no Concurso estará aberto até o 8 de outubro a través do correo electrónico fiot.teatro.lido@gmail.com e o límite para a presentación dos arquivos de vídeo será o 18 de outubro a través da mesma dirección de correo. Entre todas as propostas presentadas, un xurado seleccionará unha ducia das mesmas para gravar, nun estudio profesional de radio - Radio Voz Bergantiños-, as ficcións. Entre todas elas sairán as finalistas do Concurso, cuxa gala final terá lugar o 13 de novembro no Pazo da Cultura de Carballo. Os premios consistirán en libros e material didáctico ofrecido pola Libraría Brañas. Para máis información sobre o certame, pódese visitar o web  oficial www.fiot.gal.

Compartir: