Inicio Carballo ao día Hemeroteca O alumnado do CEIP Gándara-Sofán...

O alumnado do CEIP Gándara-Sofán estrea pavillón deportivo

O Concello de Carballo realizou un investimento superior aos 200.000 euros na reforma integral da instalación

Xoves 22 de setembro do 2022 Deporte

Novo pavillón do CEIP Gándara-Sofán

Novo pavillón do CEIP Gándara-Sofán

O alumnado do CEIP Gándara-Sofán xa puido estrear hoxe o renovado pavillón polideportivo, despois da visita realizada onte por responsables técnicos e políticos do Concello de Carballo, da empresa construtora e do colexio para formalizar a finalización das obras. A dirección do centro trasladou ao alcalde, Evencio Ferrero, e aos concelleiros Marcos Trigo e Luis Lamas, presentes no acto de recepción, a satisfacción da comunidade educativa polo aproveitamento que vai ter o investimento realizado.

A recepción da obra formalizouse este mércores

A recepción da obra formalizouse este mércores

O groso da actuación, executada pola empresa Vázquez y Reino cun orzamento de 208.579,69 euros, destinouse á renovación da cuberta, pero tamén se levaron a cabo outras importantes melloras na instalación deportiva: illamento, nova rede de recollida e evacuación das augas pluviais, substitución do panel metálico da fachada oeste, gradas, novo pavimento, rocódromo, pintura interior e dos campos de xogo e equipamento deportivo como canastras retráctiles, porterías, etc.

No exterior do pavillón tamén se instalou unha cuberta que une a renovada instalación deportiva co edificio dedicado á actividade docente. A creación desa pasarela cuberta foi posible grazas á creación dun novo acceso ao recinto escolar, que tamén se acometeu dentro do mesmo proxecto. As obras realizáronse aproveitando as vacacións de verán, e quedaron listas nestes primeiros días do curso.

Compartir: