Recta final das obras de pavimentación de máis de 8.000 metros cadrados de superficie en cinco aparcadoiros gratuítos
O Concello de Carballo inviste máis de 150.000 euros para seguir mellorando os espazos de estacionamento no centro urbano
Mércores 21 de setembro do 2022 Carballo ao día
A empresa Excavaciones y Obras Candal está a rematar as obras de acondicionamento de cinco espazos urbanos que son utilizados como aparcadoiros. Dentro do plan de mellora das áreas de estacionamento gratuíto coas que contamos en toda a zona urbana -ben en terreos municipais ou ben en solares cedidos ao Concello de Carballo polo sistema de comodato-, nestes momentos estamos a actuar en máis de 8.000 metros cadrados de superficie. Unha vez preparadas as parcelas, xa están en marcha as obras de aglomerado, que se prolongarán durante a semana que vén.
Estas son as localizacións e as superficies aproximadas:
- Pazo da Cultura: 2.250 metros cadrados
- Rúa Perú: 2.250 metros cadrados
- Rúa Río: 700 metros cadrados
- Fórum Carballo: 1.000 metros cadrados
- Depósitos de auga: 2.200 metros cadrados
O alcalde, Evencio Ferrero, e o concelleiro de Obras, Luis Lamas, realizaron esta semana un percorrido por algúns dos estacionamentos, nos que, despois dos traballos de explanación, sumidoiros, gabias e pavimentación con aglomerado, acometerase o pintado das prazas e tamén se instalarán sinalización vertical e, onde sexa preciso, luminarias. O Concello de Carballo realiza un investimento de 153.845,38 euros. O Instituto Enerxético de Galicia (Inega) colabora cunha subvención 64.580,86 euros dentro do Programa estatal de incentivos á mobilidade eficiente e sustentable MOVES II.