O Concello de Carballo selecciona seis docentes e vinte alumnos/as para o obradoiro de emprego “Fórum dual”
Xa temos data para o inicio dos doce meses de formación dual: o 3 de outubro
Sábado 17 de setembro do 2022 Carballo ao día
Alumnado do obradoiro "Carballo Coida", que rematou este ano
O Concello de Carballo ten abertos os procesos de selección tanto de alumnado coma de persoal directivo, docente e de apoio para o obradoiro dual de emprego Fórum dual. En total, 26 persoas, que durante doce meses compartirán unha novidosa experiencia formativa nas instalacións do Fórum Carballo.
Este luns 19 remata o prazo para que os profesionais interesados en sumarse como docentes a este novidoso proxecto formativo presenten as súas solicitudes. Estas son as prazas convocadas:
- 1 director/a (xornada completa)
- 1 mestre/a da especialidade de Cociña (xornada completa)
- 1 mestre/a da especialidade Atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais - rama sanitaria (media xornada)
- 1 mestre da especialidade Atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais - rama psicosocial (media xornada)
- 1 mestre/a titor/a para impartir os módulos de educación básica, orientación e información profesional, formación empresarial e asesoramento e os módulos de formación complementaria (media xornada)
- 1 auxiliar administrativo/a (media xornada)
E aquí atoparedes as bases completas e o modelo de instancia.
Polo que se refire ao alumnado, tras a preselección realizada polo Servizo público de emprego de Galicia, os/as candidatos/as dispoñen agora de prazo ata o día 20 para presentar a documentación xunto co impreso de solicitude que pode descargarse aquí.
O obradoiro dual de emprego Fórum dual xa ten data de inicio: o 3 de outubro. O período de formación será de 12 meses e haberá dúas especialidades formativas, atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais e cociña, en cada unha das cales haberá 10 alumnos/as-traballadores/as. Esta acción formativa está financiada pola Consellería de Emprego e Igualdade da Xunta de Galicia cunha subvención de medio millón de euros.