Inicio Carballo ao día Hemeroteca O alcalde informou no Consello Parroquial de Razo...

O alcalde informou no Consello Parroquial de Razo sobre os próximos investimentos na parroquia

A veciñanza interesouse polo futuro do campo de fútbol, o monte Neme, o espazo para as festas e, sobre todo, as melloras precisas no colexio

Venres 16 de setembro do 2022 Participación veciñal

A xuntanza celebrouse o xoves 15

A xuntanza celebrouse o xoves 15

O Consello Parroquial de Razo estivo reunido o xoves durante dúas horas que deron para moito pero que, basicamente, repartíronse entre a información facilitada polo alcalde sobre os investimentos en marcha e as demandas presentadas pola veciñanza con respecto a múltiples cuestións.

Evencio Ferrero informou sobre o inminente inicio das obras de substitución completa do paseo de madeira, que se aproveitarán tamén para retranquear os postes do alumeado. Os traballos foron adxudicados á empresa Jardinería Arce por 164.000 euros. “Tramitáronse as autorizacións en novembro do ano pasado, pero non chegaron ata xuño deste ano, e a partir de aí realizouse o proceso de contratación”, explicou o alcalde.

Outro proxecto que conta xa con consignación económica é a reforma integral do parque infantil, no que se investirán 146.000 euros. A contratación da obra está pendente das autorizacións sectoriais. As que si chegaron son as correspondentes á actuación que permitirá completar as redes de auga e saneamento na zona de acceso a Arnados. O obxectivo é que os servizos estean operativos antes do próximo verán.

Por parte do Concello de Carballo estase a traballar tamén nun proxecto de reforma da rúa Arroaces, unha vez que xa está dotada dos servizos urbanísticos. E a curto prazo acometerase a mellora da vía de Vernes.

Propostas veciñais

CEIP Nétoma-Razo

CEIP Nétoma-Razo

Os veciños e veciñas presentaron outras necesidades, moitas delas relativas ao CEIP Nétoma-Razo. Nais de alumnado presentes na xuntanza do Consello Parroquial reiteraron a demanda dun aseo no pavillón do colexio, a posibilidade de utilizar as instalacións deportivas fóra do horario lectivo, a apertura dun novo acceso ou a sinalización dunha zona peonil nos accesos actuais ou mesmo. O alcalde explicou que existe un acordo “tácito” entre o Concello de Carballo e a Consellería de Educación, mediante o cal o concello asume unha serie de melloras e o departamento da Xunta, como organismo competente en materia de educación, ten que facerse cargo das de maior envergadura, como o cambio de tellados (outra das peticións) ou de ventás, peches, etc. Evencio Ferrero apuntou tamén que as demandas relativas aos centros escolares deben canalizarse a través das direccións, e nese sentido está prevista unha xuntanza entre concello, familias e dirección para definir as actuacións precisas e tratar de canalizalas axeitadamente.

Tamén se puxo de manifesto na reunión a preocupación veciñal polo futuro do campo de fútbol, situado en zona de dominio de Costas. O organismo estatal pretende eliminar o peche e calquera outra instalación existente e deixar unicamente o céspede, unha solución que non convence á veciñanza, que preguntou polas posibilidades de modificar a liña de Costas ou de emprazamentos alternativos para esa instalación deportiva. A este respecto, o alcalde sinalou que no plan especial de Arnados resérvase solo que podería albergar un novo campo de fútbol, do mesmo xeito que se establecen alternativas de aparcamento aos que se suprimirán en primeira liña de praia.

A situación da estrada da costa, pechada polos continuos derrubamentos nos noiros, e doutras vías da parroquia; a mellora do centro social, a oferta de actividades lúdicas e recreativas para diferentes idades ou o acondicionamento do acceso ao terreo no que se celebra a festa foron outros temas da xuntanza. Tamén se falou sobre o monte Neme e o proxecto de rexeneración ambiental da antiga mina que anunciou a Xunta de Galicia, pero tamén houbo propostas por parte da veciñanza como a creación dun parque natural e xurdiron opinións a favor e en contra do proxecto do parque eólico que está a tramitar a Xunta de Galicia nese espazo.

Compartir: