Inicio Carballo ao día Hemeroteca Carballo será a sede dun curso de...

DO 3 AO 14 DE OUTUBRO

Carballo será a sede dun curso de mestría en compostaxe no que poderán formarse 16 persoas desempregadas

Inscríbete xa en residuos@amigosdaterra.net. Tes de prazo ata o 22 de setembro!

Xoves 15 de setembro do 2022 Benestar

Carballo acollerá un dos seis cursos profesionais de compostaxe que levará a cabo a oenegué Amigos da Terra en Galicia e Madrid coa finalidade avanzar na transición ecosocial. A iniciativa, incluida no programa Empleaverde da Fundación Biodiversidade do Ministerio para a Transición Ecolóxica, conta co financiamento do Fondo Social Europeo e coa colaboración do Concello de Carballo.

O curso, que se desenvolverá do 3 ao 14 de outubro, é gratuíto e está destinado a persoas desempregadas. Nesta segunda edición, a organización ecoloxista aposta pola creación de emprego para as persoas máis vulnerables con dificultades para acceder ao mercado laboral.

A formación constará de 48 horas, divididas en 8 módulos en liña e 16 módulos de prácticas presenciais, ao longo das cales se abordará o ciclo completo de xestión da fracción orgánica dos residuos. O de Carballo será o segundo curso que se levará a cabo en Galicia. O prazo de inscrición rematará o día 22 de setembro ás 14.00 horas.

As persoas que participen no curso de Carballo participarán en dúas xornadas prácticas que lles permitirán coñecer o proceso de compostaxe nas plantas de Lousame e Santiago.

Creación de emprego

Este programa de mestría en compostaxe, que creará postos de emprego nas comunidades de Galicia e Madrid, supón por unha banda unha alternativa real de emprego para persoas en situación de especial vulnerabilidade, tales como mulleres, persoas entre 35 e 45 anos, residentes en zonas rurais e/ou áreas protexidas, persoas migrantes, persoas con diversidade funcional, entre outros colectivos. E, por outra, ofrecer solucións á problemática ambiental na xestión de residuos, cumprindo coa obrigatoriedade de recoller de xeito separado a fracción orgánica dos residuos municipais e xestionala preferentemente mediante compostaxe.

“Con este proxecto estamos apostando pola creación dun tipo de emprego que favorece unha transición ecolóxica á vez que aporta respostas aos colectivos máis vulnerabilizados da sociedade, persoas con dificultade para acceder ao mercado laboral. Este é o enfoque ecosocial que se debe priorizar nas políticas municipais”, argumentan dende Amigos da Terra.

A organización leva anos promovendo a compostaxe como unha das ferramentas máis importantes para camiñar cara ao residuo cero, reducir a cantidade de residuos orgánicos e contribuír á loita contra a urxencia climática. Agora, coa recentemente aprobada Lei de Residuos e Solos contaminados para unha Economía Circular, que obriga a todos os municipios a recoller a súa materia orgánica separada e a tratala priorizando a compostaxe, contamos co contexto perfecto para poñer en marcha esta formación.

Por este motivo o emprego neste sector incrementarase de xeito exponencial nos próximos anos debido, por unha banda, á obrigación de cumprir coa normativa en materia de residuos e, por outro, a que é un área na que está case todo por facer. Con este proxecto búscase dar resposta a esta problemática ambiental e asegurar que a xestión de residuos se faga en condicións adecuadas. No contexto actual de crise ecolóxica e social, no que é crucial avanzar cara a unha transición ecolóxica en todos os sectores, a compostaxe é un aliado perfecto.

Máis información e inscricións: residuos@amigosdaterra.net

Ligazóns

Compartir: