Inicio Carballo ao día Hemeroteca O Congreso Concellos 2030 converte Carballo nun...

29 E 30 DE SETEMBRO NO FÓRUM

O Congreso Concellos 2030 converte Carballo nun modelo para as administracións comprometidas coa sustentabilidade

O concello e Gestagua van da man na organización do evento, que reunirá no Fórum a políticos e técnicos de toda Galicia e poderá seguirse en streaming

Mércores 14 de setembro do 2022 Carballo ao día

Un día despois de dar a coñecer o programa da Semana Europea da Mobilidade, Carballo volveu a amosar as súas fortalezas coa presentación do Congreso Concellos 2030, unha iniciativa organizada polo Concello e Gestagua para ofrecer a todas as administracións comprometidas coa sustentabilidade un escenario común no que poder expoñer e compartir experiencias nos ámbitos do ciclo integral da auga, a xestión dos residuos, a eficiencia enerxética e, por suposto, a mobilidade sostible. En todos eles o noso concello é un modelo.

O Congreso Concellos 2030 celebrarase no Fórum Carballo os días 29 e 30 de setembro. A iniciativa conta coa colaboración de Urbaser e da Fegamp, dende a cal se está a canalizar o envío de información aos concellos. Porque o obxectivo é reunir a técnicos, expertos, universitarios e políticos de toda a comunidade autónoma. Dado que, por cuestións de aforo, as prazas son limitadas, a reserva de prazas realizarase po rigorosa orde de admisión. O trámite debe realizarse a través da páxina web do congreso, https://concellos2030.gal/, onde está dispoñible toda a información sobre o evento.

Intervencións

A presentación realizouse na casa do concello

A presentación realizouse na casa do concello

Despois da presentación do programa por parte do secretario técnico do congreso, Manuel Pan, tomou a palabra o director de operacións de Gestagua, Gonzalo Murillo, para destacar a “sensibilidade especial do Concello de Carballo en temas medioambientais e de sustentatibilidade” e poñelo como exemplo de compromiso e “visión de futuro”, anticipándose coa adopción de medidas “que permitirán acometer os obxectivos de desenvolvemento dunha maneira sólida”, dixo.

Gonzalo Murillo destacou a “complexidade” cun concello coma o noso, tanto por extensión como polos propios servizos que presta. En concreto, no ciclo integral da auga, que xestiona Gestagua, contamos na actualidade con dúas captacións de auga potable e outras tantas estacións de bombeo principais, once depuradoras de augas residuais, máis de cincuenta estacións de bombeo de residuais e máis de 300 quilómetros de rede de sumidoiros. “Nestes momentos –dixo- o saneamento chega ao 95% da poboación, e iso en Galicia é un fito”.

O director de operacións de Gestagua, que foi a primeira empresa española con certificación enerxética e sigue innovando para acadar unha maior eficiencia, considera que o Congreso Cidades 2030 chega “nun momento inmellorable para pararse, ver o percorrido, estudar os casos de éxito e ver o que queda por facer nos sete anos que temos por diante para a acadar os obxectivos de desenvolvemento sostible”.

Evencio Ferrero e Gonzalo Murillo

Evencio Ferrero e Gonzalo Murillo

O alcalde de Carballo afondou no esforzo realizado dende o Concello de Carballo para estender os servizos de auga e saneamento, con investimentos tan importantes como a dobre captación de auga potable, cuxa efectividade vese especialmente nestes momentos de seca, ou como o despregamento da rede de abastecemento pola zona costeira, cun investimento que acada xa os tres millóns de euros. “Estamos contentos co esforzo feito e co obxectivo conseguido, e nese aspecto a empresa tivo moito que ver”, dixo Evencio Ferrero.

Prestar “o mellor servizo a un prezo razoable” é o obxectivo non só no que respecta ao ciclo integral da auga, senón tamén a outros servizos como o alumeado, no que Carballo novamente foi un concello pioneiro ao implantar a tecnoloxía led en todo o territorio. “Conseguimos un aforro do 80%, e nestes momentos, tal como está o prezo da electricidade, non é o mesmo asumir o incremento sobre o 20% que sobre o 100%”, argumentou. Do mesmo xeito aludiu ao aforro que supuxo a instalación de caldeiras de biomasa nas piscinas. “Fomos pioneiros tamén na implantación da quinta fracción na recollida dos residuos, e en mobilidade algúns deberes levamos feito tamén”, rematou.

Evencio Ferrero agradeceu a aposta de Gestagua pola celebración deste congreso en Carballo. Na presentación, que tivo lugar na casa do concello, tamén participaron o concelleiro de Obras e Servizos, Luis Lamas; o xefe de servizo de Gestagua en Carballo, Benigno López, e o delegado de Gestagua en Galicia, José Rey.

Ligazóns

Compartir: