Inicio Carballo ao día Hemeroteca O procedemento de contratación para a...

XUNTA DE GOBERNO LOCAL

O procedemento de contratación para a construción do centro social da parroquia de Goiáns queda deserto por segunda vez

Luns 12 de setembro do 2022 Carballo ao día

Recreación do futuro centro social de Goiáns

Recreación do futuro centro social de Goiáns

O ano pasado quedaron desertas en Galicia un total de 82 obras licitadas polas administracións estatal, autonómica, provinciais e local, entre outros organismos, por valor de 27 millóns de euros, e neste 2022 semella que a cifra será superior. O problema provocado pola suba dos materiais da construción e a escaseza de man de obra está a afectar especialmente aos concellos, e no caso de Carballo estamos a padecelo co proceso de contratación das obras de construción do centro social da parroquia de Goiáns, que vén de quedar deserto por segunda vez, tal como se informou hoxe na Xunta de Goberno Local.

Tras este trámite, o goberno municipal está estudando xa as posibles vías alternativas que permitan acometer este proxecto tan demandado pola veciñanza. O proxecto ten un orzamento de 451.879,40 euros, dividido en dúas fases. Na primeira fase realizarase un investimento 354.956,95 euros.

Dous contratos que si puideron aprobarse hoxe son os relativos á implantación dun servizo integral de impresión, adxudicado a Solitium Noroeste por 21.423 euros por un total de 16 meses de duración, e o servizo de control diario e semanal de desinfectante e organolépticos en Artes, Cances e Sofán, do que se encargará Gestagua por 34.149,41 euros.

Na Xunta de Goberno Local de hoxe, ademais, aprobáronse 8 licenzas urbanísticas, facturas por importe de 77.335,43 euros, a programación da Semana da Mobilidade, a campaña de normalización lingüística Pégate ao galego, o programa Facer memoria e unha subvención de 7.000 euros para o festival Xiria Pop.

Compartir: