O alcalde informa no Consello Parroquial de Sofán sobre as obras en marcha na parroquia, por 1,5 millóns de euros
A principal demanda da veciñanza é a mellora da seguridade viaria, tanto na estrada autonómica coma na pista do centro social
Venres 9 de setembro do 2022 Participación veciñal
Nunha concorrida xuntanza do Consello Parroquial de Sofán, Evencio Ferrero comezou informando sobre as obras que están en marcha na parroquia, por un importe próximo ao millón de medio de euros.
Xa está practicamente listo, para poder entrar en funcionamento a semana que vén, o renovado pavillón polideportivo do CEIP Gándara-Sofán, no que estamos a realizar un investimento de 216.286,64 euros para dar resposta ás demandas da comunidade educativa. Atendendo tamén as peticións do club de fútbol, entre as próximas actuacións, que xa contan coa consignación orzamentaria correspondente, estarán unha serie de melloras no campo de fútbol do Carral por un importe de 298.000 euros.
Coa colaboración económica da Deputación da Coruña tamén se acometerán outros dous importantes proxectos demandados pola veciñanza en consellos anteriores: a pavimentación con aglomerado da vía que comunica Bolón (Sofán) con Vilar de Francos (Artes), por 255.140,47 euros, e a construción da rede de abastecemento de auga á zona baixa da parroquia de Sofán, por 700.171,12 euros. Esta última actuación foi especialmente valorada polas persoas asistentes á reunión, dados os problemas que están a sufrir este verán as traídas particulares.
Por parte da veciñanza presentáronse no consello parroquial máis propostas, algunhas xa reiteradas e moi demandadas como é a mellora da seguridade viaria na estrada autonómica. Segundo expuxeron, os accidentes son reiterados, polo que queren que se reduza a velocidade a 50 km/h e se pinten liñas continuas nos cruces e pasos de peóns. Dende o Concello de Carballo realizarase a solicitude correspondente á Xunta de Galicia, titular da vía.
Outro proxecto no que se leva traballando tempo é o de ensanchar a pista do centro social para poder habilitar unha senda peonil. O propio consello parroquial convocou aos propietarios afectados, pero, segundo se puxo de manifesto na xuntanza deste xoves, non semella doado acadar un acordo, polo que pediron a intervención do Concello de Carballo.
A limpeza das vías forestais, que se realizará dende a semana que vén ata o mes de maio en todo o concello, a reparación de dúas pontes, o aumento da periodicidade da recollida do lixo ou a solicitude dun servizo de transporte público a demanda foron, entre outras, as propostas trasladadas pola veciñanza aos responsables municipais.