MULLER
Carballo contará cun Clube Emprego Muller a partir de novembro
Xoves 26 de outubro do 2006
O Clube Emprego Muller vai dirixido a mulleres que desexen incorporarse ao mundo laboral ou a aquelas que persigan unha millora laboral. O obxectivo é o de capacitar ou dotar ás usuarias das suficientes ferramentas e mecanismos para acceder dunha forma autónoma e activa á busca de emprego e ao seu mantemento. O Clube Emprego Muller ofrecerá información, orientación e asesoramento sobre temas vencellados co mundo laboral, terá unha atención personalizada, co apoio e seguimento de forma individualizada no proceso de inserción laboral, realizará obradoiros de interese e diferentes charlas, ademáis de contar cun espazo reservado para ofertas de traballo, prensa ou guías de orientación e información de interese. O horario de atención ás usuarias será de luns a venres, de 10,00 a 13,30 horas, e os martes e xoves tamén de 16,00 a 18,00 horas. O Clube Emprego Muller nace cunha vocación comarcal e poderá atender a aquelas mulleres interesadas de toda a comarca de Bergantiños. Ana Alonso, técnica do Clube Emprego Muller, destacou na presentación que "as dificultades de inserción no mercado laboral das mulleres xustifican este tipo de iniciativas. Eu destacaría, sobre todo, a atención personalizada que ofrece o Clube Emprego Muller. Sobre os obradoiros e charlas a realizar, deberemos esperar a coñecer cal é o perfil das usuarias". O alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, manifestou que o clube Emprego Muller é "un paso máis que da o Concello nos servizos que se prestan á muller. Desde que entramos no goberno notamos que había un baleiro moi importante na atención de demandas e ofertas que deberían prestarse ao mundo feminino. Pretendemos que sexa un punto de referencia e de encontro para que as mulleres, un colectivo que está en risco de exclusión laboral, teñan xeito real de acceder ao emprego e teñan a súa rede de apoio".