A Concellaría de Educación aproveitou o verán para acometer as melloras solicitadas polos colexios
A reforma integral do pavillón polideportivo do CEIP Gándara-Sofán e da escola unitaria de Mirón-Bértoa foron os investimentos máis importantes
Mércores 7 de setembro do 2022 Carballo ao día
Escola de Mirón
O goberno municipal de Carballo considera a como un piar fundamental da acción municipal, e para que a rapazada poida gozar das infraestruturas e servizos propios dun ensino público de calidade, todos os anos realizamos distintos investimentos que responden ás necesidades presentadas polos propios centros, e que en moitas ocasións van máis alá das obrigas de conservación que corresponden ás administracións locais e que debería asumir a Xunta de Galicia.
Nova pasarela cuberta do CEIP Gándara-Sofán
Co comezo do curso 2022-23, que empeza mañá, entrará en servizo o renovado pavillón polideportivo do CEIP Gándara-Sofán, no que realizamos un investimento de algo máis de 200.000 euros na instalación dunha nova cuberta, illamento, gradas, novo pavimento, equipamento e unha pasarela cuberta de comunicación co colexio, entre outras melloras. A obra está practicamente rematada e o alumnado poderá empezar a utilizar o pavillón a partires da semana que vén, tal como confirmaron os encargados das obras ao alcalde, Evencio Ferrero, e a concelleira de Educación, Mar Eirís, na visita que realizaron hai uns días.
CEIP Bergantiños
O alcalde e a concelleira tamén se achegaron ata a escola de Mirón, na parroquia de Bértoa, que vén de ser obxecto tamén dunha importante reforma que incluíu o cambio de ventás, a renovación de todo o solo e o acondicionamento dos aseos, ademais do pintado interior. Esta actuación súmase ás que realizamos nestes últimos anos nas escolas de Queo (Bértoa) ou Cances, e que terán continuidade nos vindeiros.
Hoxe o alcalde e o concelleiro de Obras e Servizos, Luis Lamas, visitaron o CEIP Bergantiños, onde a Brigada Municipal de Obras rematou unha serie de traballos que incluíron a renovación das luminarias, instalacións de fontanería ou substitución dos mecanismos eléctricos das persianas do edificio de Educación infantil, entre outras melloras. Os operarios municipais tamén colaboraron para os acabados das aulas nas que se procedeu á substitución dun total de 10 ventás con fondos do propio colexio, e que se suman ás 19 cambiadas polo Concello nestes últimos anos.
Dende a Concellaría de Educación existe o compromiso de continuar coa renovación das ventás por fases, en función da dispoñibilidade económica, facendo fronte a unha intervención que vai máis alá das competencias de mantemento. Do mesmo xeito, tan pronto como sexa posible acometeremos o compromiso adquirido coa comunidade educativa para construír aseos para as aulas de Infantil do CEIP Nétoma-Razo.
Xunto a estas melloras, aproveitouse o verán, como todos os anos, para a posta a punto dos colexios e para atender as necesidades presentadas polos equipos directivos, que van dende o arranxo de desaugues ata o cambio de pomos das portas ou o arranxo dos xogos infantís, como no CEIP Xesús San Luís Romero. Tamén se acometeron as accións de desinfección, desinsectación e desratización en todos os colexios e escolas unitarias, xunto coa limpeza dos areeiros ou os controis da calidade da auga, que se realizan periodicamente ao longo de todo o curso.