Aprobadas por unanimidade todas as propostas presentadas polo goberno no pleno correspondente ao mes de agosto
O concelleiro de Obras e Servizos, Luis Lamas, deu conta da súa renuncia á dedicación exclusiva como consecuencia da súa xubilación
Martes 6 de setembro do 2022 Carballo ao día
Milagros Lantes e Luis Lamas renunciaron ás súas dedicacións ao xubilarse
Como todos os anos, a sesión de pleno correspondente ao mes de agosto trasladouse ao primeiro luns de setembro. Coa única ausencia da concelleira do PP Paula Nogueira, a corporación municipal aprobou por unanimidade todas as propostas presentadas polo goberno do BNG, que foron as seguintes:
- Bonificación nas cotas de ICIO, IBIU e IAE por fomento do emprego para unha empresa que se instalará no polígono industrial de Bértoa.
- Declaración da Costa da Morte como Reserva Local de Surf. Malia ser aprobado por unanimidade, foi o asunto que provocou máis debate, fundamentalmente pola conciliación dos distintos usos das praias.
- Adhesión á Declaración sobre a defensa do ceo nocturno e o dereito á luz das estrelas, coa finalidade de que a Costa da Morte poida obter a declaración de Destino starligth.
- Solicitude de subvención á Deputación Provincial da Coruña para o mantemento da Unidade de Condutas Adictivas.
Na sesión ordinaria deste luns tamén se deu conta da solicitude doutra subvención á Deputación para o proxecto Carballo para a infancia, que inclúe o acondicionamento dos parques infantís da Praza do Concello, a Praza Eduardo Pondal e a Praza da Milagrosa, cun investimento de medio millón de euros.
O PSOE e Terra Galega presentaron rogos e preguntas
Así mesmo, a corporación determinou os festivos locais para o 2023, que serán o 21 de febreiro, Martes de Entroido, e o 24 de xuño, San Xoán. Os festivos autonómicos serán o 17 de maio, Día das Letras Galegas, e o 25 de xullo, Día de Galicia.
Por último, deuse conta da renuncia do concelleiro do BNG Luis Lamas á dedicación exclusiva como consecuencia da súa xubilación. Tras a renuncia, o ano pasado, da concelleira Milagros Lantes polo mesmo motivo, o número de dedicacións exclusivas pasou das seis do comezo do mandato ata as catro actuais.
No apartado de rogos e preguntas foron atendidos tres rogos do PSOE e as preguntas de Terra Galega.