Inicio Carballo ao día Hemeroteca O Concello de Carballo apoia a candidatura da...

O Concello de Carballo apoia a candidatura da Costa da Morte para obter a certificación de “Destino turístico starlight”

A corporación municipal aprobará no pleno deste luns a adhesión á Declaración sobre a defensa do ceo nocturno e o dereito á luz das estrelas

Luns 5 de setembro do 2022 Carballo ao día

Vía láctea sobre a ponte da ría de Baldaio (Foto: Antonio Fernández)

Vía láctea sobre a ponte da ría de Baldaio (Foto: Antonio Fernández)

A corporación municipal aprobará no pleno deste luns a adhesión do Concello de Carballo á Declaración sobre a defensa do ceo nocturno e o dereito á luz das estrelas, un paso imprescindible que deben dar todos os concellos integrados na CMAT (Costa da Morte Asociación Turística) para que esta gran comarca poida obter a certificación de Destino turístico starlight.

“É vontade deste concello promover, dentro do propio territorio e en rede dentro do xeodestino Costa da Morte, produtos turísticos atractivos, de calidade e con capacidade de ser un nicho económico que xere beneficios directos e indirectos”, explica o concelleiro de Promoción Económica e Turismo, Xosé Regueira, na proposta que se presentará no pleno. Nese sentido, indica que os destinos turísticos starlight “son lugares a visitar, que gozan de excelentes calidades para a contemplación dos ceos estrelados e que, ao estar protexidos da contaminación luminosa, son especialmente aptos para desenvolver neles actividades turísticas baseadas nese recurso natural”.

No caso da Costa da Morte, a materialización da iniciativa na que está a traballar a CMAT suporía “o desenvolvemento do turismo astronómico que protexe a calidade do ceo nocturno, non só como un recurso cultural, científico e natural que está en risco, senón tamén como unha oportunidade de xerar un produto turístico de calidade e diferenciado”.

Declaración internacional

A Declaración sobre a defensa do ceo nocturno e o dereito á luz das estrelas emanou da I Conferencia Internacional Starlight” (2007), en cuxa elaboración participaron representantes de UNESCO, OMT, IAU, IAC, Programa MaB e Convención Ramsar, ademais doutros organismos internacionais, e que contén os principios e as reflexións que levan a considerar o ceo nocturno como un patrimonio de todos e todas e expóñense as recomendacións para protexelo e valoralo como un ben científico, cultural, ambiental e turístico de primeira magnitude.

Con esa declaración iniciouse unha campaña internacional, xestionada pola Fundación Starlight, en defensa da calidade dos ceos nocturnos e o dereito á observación das estrelas, aberta á participación de todas as institucións, públicas e privadas, asociacións científicas, culturais e cidadás, relacionadas coa defensa do ceo nocturno. Preténdese así reforzar a importancia que os ceos limpos teñen para a Humanidade, realzando e dando a coñecer o valor que este patrimonio, en perigo, posúe para a ciencia, a educación, a cultura e o turismo. Así tamén, destácase o dereito a un ceo nocturno non contaminado como factor de calidade de vida, axudando a difundir os beneficios directos e indirectos, tecnolóxicos, económicos e culturais, asociados á observación das estrelas.

Descargas

Compartir: