Inicio Carballo ao día Hemeroteca O alcalde e a concelleira de Planificación...

O alcalde e a concelleira de Planificación visitaron as obras da rotonda que regulará os accesos a Carballo na Revolta

Segundo o estudo de mobilidade incluído no proxecto, o tráfico rodado nese ámbito podería duplicarse nun prazo de 20 anos

Xoves 1 de setembro do 2022 Carballo ao día

O alcalde, Evencio Ferrero, e a concelleira de Planificación, Estratexia Urbana e Contratación, Milagros Lantes, visitaron as obras de construción da gran rotonda que regulará os accesos a Carballo na zona da Revolta. A construción da glorieta estaba xa prevista no PXOM vixente, aprobado definitivamente no ano 2016, para mellorar o cruce da estrada comarcal co sistema viario do ámbito de solo urbanizable terciario no que se está a construír o Parque Comercial A Revolta.

Dado que a glorieta está situada, en parte, nese ámbito e ademais constitúe un dos accesos ao mesmo, en outubro do ano 2019 asinouse un convenio urbanístico entre o Concello de Carballo e a empresa promotora para a construción da rotonda, que, dado que se sitúa nunha vía de titularidade autonómica, conta tamén coa aprobación da Axencia Galega de Infraestruturas (AXI).

Aínda que a glorieta contará con catro ramais, no momento da súa posta en marcha terá só tres activos: os dous da estrada AC-552 e o da rúa Laranxeiras, que constitúe o acceso ao sector comercial. O cuarto, previsto no PXOM para o cuadrienio 2028-2032, permitirá no seu momento continuar a rúa Alfonso Daniel Rodríguez Castelao ata ese punto da avenida da Revolta, pechando a ordenación do solo urbano cara o parque fluvial da Cristina.

O proxecto en execución ten en conta as necesidades de mobilidade nun horizonte de vinte anos, no que se calcula que o tráfico nese punto pode duplicarse, en boa parte debido á incidencia que terá sobre o mesmo a entrada en funcionamento do Parque Comercial A Revolta, prevista o ano que vén.

As obras da rotonda son executadas por Excavaciones y Obras Candal, cun orzamento de 197.218,86 euros e un prazo de execución de cinco meses. O responsable da empresa acompañou hoxe ao alcalde e a concelleira durante a visita aos traballos, que se centran nestes momentos na construción dos muros de contención que permitirán resolver a xeometría da glorieta proxectada.

Compartir: