Inicio Carballo ao día Hemeroteca O goberno municipal mantivo a primeira xuntanza...

O goberno municipal mantivo a primeira xuntanza de traballo coa nova xunta directiva do polígono industrial de Bértoa

O Concello de Carballo ten en licitación as obras de acondicionamento dun aparcamento para vehículos pesados por case 250.000 euros

Xoves 1 de setembro do 2022 Promoción Económica

A reunión celebrouse na Alcaldía

A reunión celebrouse na Alcaldía

O alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, e os concelleiros de Promoción Económica, Xosé Regueira, e Obras e Servizos, Luis Lamas, mantiveron hoxe unha xuntanza de traballo coa xunta directiva do polígono industrial de Bértoa, a primeira tras o recente proceso de unificación das dúas fases do parque empresarial e de renovación dos seus cargos directivos. A nova presidenta, Raquel Rodríguez, estivo acompañada polo secretario, José Ángel Vázquez, e polo xerente do polígono, Pablo Rodríguez.

Representantes municipais e empresariais abordaron durante o encontro distintos asuntos, como a necesidade de mellorar as infraestruturas de telecomunicacións, e tamén proxectos como a construción dun aparcamento para vehículos pesados. O goberno local informou de que esta obra xa está en licitación por parte do Concello de Carballo, por un importe de 243.259,84 euros, e que as empresas interesadas teñen de prazo ata o día 13 para presentar as súas ofertas. Ademais do acondicionamento dunha gran área de estacionamento para camións, a actuación inclúe o pintado da sinalización horizontal, a instalación de sinalización vertical e a instalación de tres novas barreiras de seguridade.

Tanto o alcalde coma os concelleiros deron a benvida á nova xunta directiva do polígono e reiteraron a disposición do goberno municipal a seguir acometendo e/ou reivindicando ante as administracións competentes as infraestruturas, servizos e melloras precisos para que o polígono industrial de Carballo continúe sendo un referente en Galicia pola súa actividade, o seu dinamismo e o bo facer das empresas locais.

Compartir: