Inicio Carballo ao día Hemeroteca ADOS e o Concello agradecen a solidariedade da...

PRÓXIMA CAMPAÑA, DO 1 AO 3 DE SETEMBRO

ADOS e o Concello agradecen a solidariedade da veciñanza na campaña especial de doazón de sangue, con 161 participantes

14 das persoas que se achegaron ata a unidade móbil doaron por primeira vez

Sábado 13 de agosto do 2022 Benestar

O concelleiro Marcos Trigo foi un dos 161 doantes

O concelleiro Marcos Trigo foi un dos 161 doantes

A Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) e o Concello de Carballo queremos agradecer a solidariedade que volveu a demostrar a veciñanza do noso concello coa masiva participación na campaña especial de doazón de sangue do mes de agosto, na que se acadaron 161 doazóns, case un 32% máis ca o ano pasado.

Pero hai un dato máis positivo aínda, tal como destacan dende ADOS, porque desas 161 persoas que se achegaron ata a unidade móbil, 14 facíano por primeira vez. Para que vos fagades unha idea do que isto supón, no ano 2021 conseguíronse 2 novos doadores/as e xa se considerou todo un éxito, polo que a cifra deste ano, en palabras de ADOS, é “fantástica”.

O obxectivo deste 2022 é acadar a taxa de 40 doazóns por 1.000 habitantes, un obxectivo que está moito máis preto se conseguimos manter a participación nas campañas mensuais que nos quedan ata finais de ano. No mes de setembro levarase a cabo outra campaña especial de tres días, así que, se non participaches na de agosto, tes unha nova oportunidade para amosar a túa solidariedade. Toma nota e lembra que xa non é preciso pedir cita previa: 

  • Xoves 1 venres 2: de 10.00 a 14.00 e de 16.00 a 21.00 horas
  • Sábado 3: de 10.00 a 15.00 horas

ADOS, que cualificou as cifras da campaña como “excepcionais”, lembra que tedes á vosa disposición distintos medios para resolver calquera dúbida relacionada coa doazón:
Páxina web: http://ados.sergas.gal
Enderezo electrónico: doadoressangue.ados@sergas.gal
Teléfono gratuíto: 900 100 828

Compartir: