As actividades nocturnas na beira do mar reforzan o protagonismo das nosas praias no mes de agosto
Teatro, andainas, cine e observacións astronómicas forman parte da oferta da que poderás desfrutar nos vindeiros días
Xoves 11 de agosto do 2022
Cultura
Imaxe da noite das avelaíñas deste verán
Despois da apaixonante xornada de descuberta do mundo das bolboretas nocturnas que nos ofreceu o Grupo Naturalista Hábitat para pechar as actividades do mes de xullo do programa eu quero Razo-Baldaio, o mes de agosto chega con moitas outras propostas que estarán iluminadas pola lúa e as estrelas. Aquí van!
Sábado 13 I Programa “Eu quero Razo-Baldaio”
- Ruta nocturna
- De 22.30 a 01.30 horas
- Saída do Espazo da natureza de Oza
Andaina guiada pola Asociación Ambiental Senda Nova que terá como marco a paisaxe nocturna da costa dende o Monte Neme e o achegamento básico a elementos nocturnos como as estrelas ou os anfibios, e mesmo a tradicións asociadas tamén á noite como as asociadas á Eira das Meigas. As prazas están completas.
Sábado 13 I Proxecto “Naufraxios na Costa da Morte”
- Teatro
- 23.00 horas
- Praia de Razo
O proxecto “Naufraxios na Costa da Morte”, impulsado pola Deputación da Coruña, chega á praia de Razo. A compañía costeira aAntena, que leva dende 2016 facendo representacións en lugares singulares da nosa comarca. segue apostando pola posta en valor do noso patrimonio invisible, recuperando tradicións, e contando pequenas historias sobre a nosa historia vencellada ao mar e aos naufraxios.
Autor: Bernardino Martínez
Director: Xosé Leis
Elenco: Alicia Baña, Andrea Rodríguez, Berni Martínez e Antonio Miranda
Música en directo: Klaus Martínez + info e inscricións: https://www.aantenasc.com/about-1
Mércores 17 I Programa “Verán Cultural”
- Noites de Cine
- 22.00 horas
- Pedra do Sal (Lema)
En Jumanji: seguinte nivel, os xogadores volven ao xogo, pero os seus personaxes intercambiáronse entre si, o que ofrece un curioso cadro de persoal: os mesmos heroes con distinta aparencia. Pero, onde está o resto da xente? Os participantes só teñen unha opción: xogar unha vez máis a esta perigosa partida para descubrir que é realmente o que está a suceder. Recomendada para maiores de 7 anos. Colabora a Asociación Cultural O Castro de Lema.
Venres 19 I Programa “eu quero Razo-Baldaio”
- Noite de astronomía
- 22.30 a 01.30 horas
- Ponte de Baldaio
Unha das novidades deste ano no programa “eu quero Razo-Baldaio” é esta noite de astronomía da que gozaremos coa colaboración da Agrupación Astronómica Coruñesa IO. A gran aceptación que tivo a proposta obrigounos a triplicar o número de prazas. Deste xeito serán moitas máis as persoas que poderán desfrutar da observación do ceo e recibir as nocións básicas de astronomía.