Inicio Carballo ao día Hemeroteca Aberto o prazo de presentación de ofertas...

Aberto o prazo de presentación de ofertas para a concesión de 27 postos do Mercado Municipal de Abastos

Se es unha persoa física, descarga aquí as instrucións para presentar a documentación

Mércores 10 de agosto do 2022 Mercado Municipal

Dende hoxe, 10 de agosto, e ata o día 24 deste mes está aberto o prazo para que as persoas interesadas poidan optar á concesión administrativa de 27 dos 31 postos do Mercado Municipal de Abastos. A adxudicación realizarase por concurso, e na valoración teranse en conta a oferta económica e o proxecto de explotación da actividade económica a desenvolver. Ademais dos postos de venda, tamén se inclúen unha cámara de frío para carnizaría e catro almacéns. Os pregos de condicións administrativas e técnicas están publicados no perfil do contratante do Concello de Carballo, e ao final desta nova pode descargarse un documento de instrucións dirixido exclusivamente ás persoas físicas.

Con este procedemento abrirase a posibilidade de incorporar ao Mercado Municipal de Abastos novos negocios que contribúan a dinamizalo, ao tempo que os/as praceiros/as cuxas concesións xa caducaron poderán optar a un novo contrato.

As licitacións realizaranse segundo ao regulamento que vén de ser aprobado, e que inclúe como principais novidades a distinción entre postos fixos e temporais, a existencia de postos sen actividade definida (que poderán, polo tanto, adaptarse ás necesidades da persoa licitadora), ou a posibilidade de cambio de uso do posto. Tamén será posible solicitar ata un máximo de tres postos lindeiros, e ademais non será obrigatorio solicitar o período máximo da concesión, fixado en 10 anos, con posibilidade de 5 máis de prórroga, senón que poderá pedirse a ocupación do posto por menos anos.

As concesións resultantes do proceso que está empezando tamén se beneficiarán do axuste á baixa dos prezos resultante do estudo económico realizado polo Concello de Carballo, de xeito que o canon redúcese entre o 12 e o 13% e as taxas mensuais, arredor do 45%.

Tamén está publicada no perfil do contratante a documentación correspondente ao procedemento de contratación do servizo de organización, vixilancia e limpeza do espazo público do mercado de ambulantes da Milagrosa. Neste caso, o prazo para presentar as ofertas remata o 23 deste mes.

Descargas

Compartir: