Inicio Carballo ao día Hemeroteca O Concello concede licenzas de obra para 78 novas...

XUNTA DE GOBERNO LOCAL

O Concello concede licenzas de obra para 78 novas vivendas

Venres 2 de setembro do 2005

O edificio con máis vivendas proxectadas, un total de 30 ademais de dous locais libres e 72 prazas repartidas entre os garaxes e os rochos, situarase na Rúa Vila de Negreira, na esquina co Camiño do Bosque. Na Rúa Vázquez de Parga solicitouse permiso para construír un edificio de sete vivendas, nove prazas de garaxe, nove rochos e dous locais libres.

Outra licenza urbanística foi solicitada para a construción dun edificio destinado a 24 vivendas na Avenida Ponte da Pedra, que incluirá tamén 24 prazas de garaxes e 24 rochos, ademais dun local libre. Na Rúa Xeranios concedeuse unha licenza de obra para construír a primeira fase dun edificio composto por unha planta baixa, destinada a local libre, e por un portal de acceso a futuras vivendas, distribuídas en tres plantas.

A Xunta de Goberno local aprobou tamén, na súa sesión celebrada o 1 de setembro, outra licenza urbanística para a construción dun edificio de 17 vivendas con saída a dúas rúas: Álvarez de Sotomaior e Ferreiros. No proxecto prevese tamén espazo para 34 prazas de garaxe, 19 rochos e dous locais libres.

Licenzas de apertura

A Xunta de Goberno local tamén aprobou a licenza urbanística de acondicionamento e apertura dun local destinado a garaxe para 29 vehículos na Rúa Carballo Calero de Carballo. Concedeuse tamén a licenza municipal de apertura dun local destinado a cafetaría e restaurante na Avenida Ponte da Pedra, actividade comprendida no Regulamento de Actividades molestas, insalubres, nocivas e perigosas.

Nesta categoría tamén se encadran as aperturas dun restaurante na rúa Xilgaro, dunha nave industrial destinada a almacén de produtos conxelados no Polígono industrial de Bértoa e un taller de confección na rúa Gran Vía.

Compartir: