A Xunta de Galicia activa a prealerta por escaseza de auga no río Anllóns e convoca aos concellos afectados para o luns
No noso concello non se detectaron polo momento problemas de subministro grazas á captación do río Bardoso, da que procede a maior parte da auga que consumimos
Venres 5 de agosto do 2022 Carballo ao día
A captación do río Bardoso permítenos ter unha alternativa ao Anllóns
A Xunta de Galicia comunicou este venres ao Concello de Carballo a decisión de Augas de Galicia de activar a prealerta por escaseza de auga na unidade territorial integrada pola costa da Coruña ata o límite de Arteixo e a conca do río Anllóns, na que se atopa unha das dúas captacións coas que contamos no noso concello. Xunto coa comunicación, Augas de Galicia enviou a convocatoria para unha reunión que se celebrará o vindeiro luns ás 11.00 horas, mediante videoconferencia, para abordar a situación provocada pola seca.
Augas de Galicia indica que os datos da estación de aforo do río Anllóns mostran un drástico descenso do caudal no último mes, o cal, sumado ás previsións de escaseza de chuvias a curto prazo, obrigan a activar o protocolo establecido no Plan Especial de Seca aprobado polo Consello da Xunta a principios de xuño.
A seca está a provocar serios problemas de subministro en toda Galicia. En Carballo, polo momento, non están afectando grazas á dobre captación nos ríos Anllóns e Bardoso. No entanto, o goberno municipal fai unha vez máis un chamamento á poboación para que faga un consumo responsable, porque, aínda que a traída municipal non está afectada, si que pode haber problemas con algunhas traídas veciñais. Neste sentido, desde o Concello de Carballo pídese aos veciños e veciñas que comuniquen as dificultades de abastecemento que poidan producirse e que soliciten, se é preciso, os servizos de Protección Civil para encher os depósitos.
O goberno municipal está en comunicación permanente coa empresa concesionaria do servizo de xestión integral do ciclo da auga para coñecer a situación en cada momento por se fose preciso aplicar algunha medida restritiva.
Nestes momentos Carballo abastécese tanto do Anllóns como, sobre todo, do Bardoso, que achega arredor dun 60% da auga que consumimos. Dentro do Proxecto Anllóns-Bardoso, no que se investiron máis de catro millóns de euros, instaláronse dúas estacións de aforo de caudal augas arriba das dúas captacións existentes. Deste xeito é posible saber canta auga levan o Anllóns e Bardoso e canta se pode captar de cada un deles en cada momento.