Inicio Carballo ao día Hemeroteca Excelente arranque da campaña especial de...

Excelente arranque da campaña especial de doazón de sangue, con 60 participantes na primeira xornada, 7 por primeira vez

A unidade móbil de ADOS permanecerá hoxe na Praza do Concello ata as 21.00 horas, e mañá tamén estará dispoñible de 10.00 a 15.00 horas

Venres 5 de agosto do 2022 Benestar

Membros do goberno local con representantes de ADOS, o médico da unidade móbil e os carballeses que traballan no servizo

Membros do goberno local con representantes de ADOS, o médico da unidade móbil e os carballeses que traballan no servizo

A campaña especial de doazón de sangue que se está levando a cabo no noso concello comezou con excelentes resultados. Na primeira xornada achegáronse ata a unidade móbil un total de 66 persoas, 6 das cales non puideron doar. Pero das 60 que si o fixeron, 7 acudían por primeira vez, o que supón un motivo engadido para a satisfacción que supoñen estas cifras, cualificadas como excepcionais pola Axencia de Doazón de Órganos e Sangue de Galicia (ADOS).

Para que teñas un elemento de comparación, nas tres xornadas da campaña do ano pasado conseguíronse 122 doazóns e 2 novos/as doantes, cifras moi positivas que este ano podemos superar. O goberno municipal tamén quixo contribuír, e tanto a alcaldesa en funcións, Milagros Lantes, coma o concelleiro Marcos Trigo, que se achegaron ata a unidade móbil (na que, por certo, traballan dúas persoas de Carballo), ofrecéronse para seguir mellorando os resultados desta campaña solidaria.

Marcos Trigo é doador habitual

Marcos Trigo é doador habitual

Nesta campaña especial, como é habitual dende hai anos, tamén colabora o Servizo Municipal de Protección Civil, a través da unidade de salvamento acuático, difundindo a presenza da unidade móbil no noso concello. O obxectivo é mellorar o índice de doazón para intentar acadar a taxa de 40 doazóns por 1.000 habitantes que recomenda a Organización Mundial da Saúde (OMS) e que no noso concello aínda non acadamos. Por iso, agardamos que esta campaña especial marque o inicio dunha afluencia maior nas visitas periódicas de ADOS a Carballo.

A Axencia de Doazón de Órganos e Sangue achégase todos os meses ao noso concello, pero tamén realiza visitas anuais á fábrica de Calvo Conservas e ao IES Monte Neme. Nesta ocasión, o autobús permanecerá a disposición de todas as persoas interesadas na Praza do Concello, hoxe ata as 21.00 horas, e mañá sábado, de 10.00 a 15.00 horas. Achégate!

Ligazóns

Compartir: