Inicio Carballo ao día Hemeroteca O Concello de Carballo inicia o procedemento para...

O Concello de Carballo inicia o procedemento para a concesión de 27 postos no Mercado Municipal de Abastos

Tamén se renovarán os contratos de xestión do mercado e da feira da Milagrosa tras a xubilación dos anteriores concesionarios

Martes 2 de agosto do 2022 Mercado Municipal

A Xunta de Goberno Local vén de aprobar o inicio do procedemento para a concesión administrativa de 27 dos 31 postos do Mercado Municipal de Abastos. A adxudicación realizarase por concurso, e na valoración teranse en conta a oferta económica e o proxecto de explotación da actividade económica a desenvolver. Ademais dos postos de venda, tamén se inclúen unha cámara de frío para carnizaría e catro almacéns.

O prego de condicións publicarase en breve no perfil do contratante do Concello de Carballo, e as persoas interesadas disporán de 15 días para presentar as súas ofertas. Con este procedemento abrirase a posibilidade de incorporar ao Mercado Municipal de Abastos novos negocios que contribúan a dinamizalo, ao tempo que os/as praceiros/as cuxas concesións xa caducaron poderán optar a un novo contrato.

As licitacións realizaranse segundo ao regulamento que vén de ser aprobado, e que inclúe como principais novidades a distinción entre postos fixos e temporais, a existencia de postos sen actividade definida (que poderán, polo tanto, adaptarse ás necesidades da persoa licitadora), ou a posibilidade de cambio de uso do posto. Tamén será posible solicitar ata un máximo de tres postos lindeiros, e ademais non será obrigatorio solicitar o período máximo da concesión, fixado en 10 anos, con posibilidade de 5 máis de prórroga, senón que poderá pedirse a ocupación do posto por menos anos.

As concesións resultantes do proceso que está empezando tamén se beneficiarán do axuste á baixa dos prezos resultante do estudo económico realizado polo Concello de Carballo, de xeito que o canon redúcese entre o 12 e o 13% e as taxas mensuais, arredor do 45%.

Nova xestión

O proceso de licitación dos postos coincide no tempo cos procedementos de renovación dos contratos de xestión e limpeza do Mercado Municipal de Abastos e de organización e limpeza da feira da Milagrosa tras a xubilación dos anteriores concesionarios. As condicións para optar a ámbolos dous contratos tamén serán publicadas nos vindeiros días para que as empresas e persoas autónomas interesadas poidan presentar as súas ofertas.

Compartir: